Contracultura

María Lado: "Bailar poesía é algo moi bonito e ver as persoas bailando os poemas que facemos é emocionante"

María Lado, poeta, forma parte xunto con Lucía Aldao do dúo Aldaolado, que publica o seu segundo disco, Forestal. Lado aborda algunhas das novidades que presentan neste traballo así como algúns dos temas que están sempre presentes na súa creación, por exemplo, o amor: “Entendemos que, de todas as formas de amor que existen a amizade é unha gran mostra de amor”. 
A poeta María Lado forma parte do dúo Aldaolado (Foto: Nós Diario).
photo_camera A poeta María Lado forma parte do dúo Aldaolado (Foto: Nós Diario).

—Como xurdiu Forestal?
Lucía Aldao e eu levabamos moitos anos recitando sen ter rexistro das cancións, por iso decidiramos sacar Casa!, o primeiro disco, para que a xente o puidera desfrutar tamén na casa. O produtor, Mig Seoane, fixera daquela un traballo moi chulo, axudándonos a darlle un pouco de corpo a esas cancións que nós adoitamos defender en directo só con dúas voces e unha guitarra. 

Con Forestal pensamos que era unha boa maneira de facer temas novos para logo levar aos directos soas, mais durante o proceso xurdiu a oportunidade de tocalos tamén en directo en formato banda. 

Así, montamos a banda Aldaolado, con nós as dúas, Macarena Montesinos tocando o baixo, Violeta Mosquera na batería e Rubén Abad como guitarrista. Con todo, hai algúns temas que só tocamos coa banda e outros que ás veces adaptamos ao noso formato dúo.

Ao final foi seguir un pouco esa idea: que a xente tivese a oportunidade de escoitar as cancións de Aldaolado aínda que non viñese a un directo, porque os nosos temas se estaban perdendo aí neses directos. Un disco que estivera dispoñíbel en todas as plataformas parecíanos a mellor maneira de rexistralos, de feito non ten un formato físico. 

—É un traballo que ten moi presente o amor nas súas cancións e precisamente foi lanzado o 14 de febreiro. Por que quixeron facelo así?
O día do lanzamento foi o típico chiste de Aldaolado que acaba tendo algún significado. Tiñamos que escoller un día de febreiro, tamén pondo unha data a nós mesmas e como xa é un día que ten un significado escollemos ese. Tamén é certo que para nós, dedicarnos á vida de poetas é un xesto de amor, porque desde logo de negocio non o é, aínda que nós vivimos só de poetas e isto é moi difícil e estraño.

É un tema moi recorrente nas nosas vidas individuais e xuntas porque nos gusta ver a forma que toma o amor. Aldao e eu entendemos que, de todas as formas de amor que existen e que nós mesmas practicamos ou que existen aínda que non as practiquemos, a amizade é unha gran mostra de amor. 

É certo que pensamos iso porque a nosa relación ten máis de 18 anos, é moi estreita e ten unha comunicación moi especial. A nosa amizade é un agasallo que non todo o mundo pode ter. De feito, moitas veces pensamos que non se diferencia tanto unha amizade dunha relación de parella, menos no físico claro, mais si que nos consideramos parella dalgunha maneira porque na nosa amizade camiñamos xuntas pola vida. Por que non nos volvemos bicar? naceu naquel momento no que estabamos compoñendo para Forestal e no que comezabamos a andar sen máscara.

Volvíamos ao contacto físico, que nos daba como un pouco de temor a nós e a todo o mundo. Tiñamos esa necesidade de recuperar o físico, de volver abrazar as amigas e de dar bicos nas meixelas. 

—Cal está sendo a acollida?
Por parte da xente que escoita os temas está sendo moi boa e os poucos concertos que demos coa banda funcionaron moi ben, é divertido e a xente baila moito. Bailar poesía é algo moi bonito, sobre todo se es poeta, e ver as persoas bailando os poemas que nós facemos é moi emocionante. 

Nós como dúo temos bastantes bolos proximamente, sobre todo porque estes son meses de traballo para as poetas, e é certo que coa banda estanos a custar un pouco máis. É unha mágoa porque é un formato moi chulo e as músicas que nos acompañan son súper talentosas, é un soño telas con nós.

Con todo, temos a esperanza de que funcione mellor no verán e nos festivais, porque tamén é certo que aínda estamos no proceso de promoción e, aínda que sempre lle botamos a culpa ao fútbol de que a xente non vaia ao teatro, a verdade é que nunca sabes que cousas funcionan nin por que.  

Comentarios