Pontevedra, epicentro da solidariedade da cultura galega con Palestina

A gala para recadar fondos para o pobo palestino e denunciar o masacre en Gaza reuniu música, maxia e clown, cuns artistas arroupados polos centos de persoas asistentes.

palestina 3
photo_camera (Fotos: X. S.)

Pontevedra foi na tarde deste domingo o epicentro da solidariedade da cultura galega co pobo palestino. Unha gala que, baixo o título ‘Cultura libre contra a barbarie’, reuniu centos de persoas entre a emoción e o compromiso para apoiar Palestina e recadar fondos con destino ao pobo que leva un mes sufrindo a última vaga de agresións israelís

A actriz Melania Cruz é a condutora da gala, na que toman parte Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, Iván Prado, Muerdo, o Mago Teto e Rossina Castelli. Voces e nomes para facer realidade aquela máxima de que “a solidariedade é a tenrura entre os pobos”.

A cantora e compositora galega de pai palestino Najla Shami é das máis implicadas. "Hai que contar a verdade das cousas. A historia sempre está escrita polos vencedores. A situación de Palestina non é algo novo ", remarcou

pontevedra 2

As asociacións culturais Pallasos en Rebeldía e Culturativa organizan coa colaboración da Asociación Galiza por Palestina e do Concello de Pontevedra esta gala solidaria, que decorre mentres Israel continúa a bombardear Gaza e o número de persoas mortas xa supera as 11.0000.

A actriz Melania Cruz confesou sentirse “frustrada” ante a activude de Gobernos europeos e institucións internacionais, “que non están movendo un dedo para que isto mude”.

No evento actúan, de maneira solidaria e desinteresada, artistas galegas de distintos ámbitos. Polo escenario do Pazo de Cultur, Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, Muerdo, o Mago Teto, Rossina Castelli e, o coordinador da gala solidaria, Iván Prado. Un dos artistas convidados, Nuno Pico, 'Grande Amore', asegura que desde o primeiro momento que lle fixeron a proposta tiña claro que quería participar nunha iniciativa tan "necesaria" como esta.

A asociación cultural e de cooperación internacional Pallasos en rebeldía ten unha ligazón moi profunda co pobo palestino e coa súa causa. De feito, o bautizo desta organización foi na Faixa de Gaza, hai máis de dez anos.

Comentarios