mércores 08.04.2020
'Poetas itinerantes' xunta en Compostela voces novidosas e consagradas

Ponte poética entre Galiza e Catalunya

As poesías galega e catalana atópanse esta cuarta feira 13, ás 19 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Os versos de ambas literaturas dialogarán da man de Anna Gual, Joan Pons, Blanca Llum Vidal, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial. As seis poetas constitúen unha mestura de voces consolidadas e novidosas da lírica contemporánea.

A poeta Yolanda Castaño. Foto: cedida.
A poeta Yolanda Castaño. Foto: cedida.

O evento será presentado por Mercedes Queixas Zas, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Toda aquela persoa que desexe acudir debe confirmar a súa asistencia no correo electrónico [email protected]

O acto fai parte do programa Poetas itinerantes, que repite localización logo do encontro entre poesía vasca e galega que tivo lugar na cidade compostelá durante a primavera do pasado ano. O proxecto, que organizou outro recital o 2 de novembro en Barcelona, está promovido polo Instituto Etxepare, o Instituto Ramón Llull e o Consello da Cultura Galega co fin de “tender pontes” cara a un futuro “intercultural e multilingüe”.

comentarios