Peres Vigo: "A literatura castelá do século XVII favoreceu a aparición do autoodio entre o galegos"

O profesor da Universidade da Coruña, Alexandre Peres Vigo, acaba de dar ao prelo un volume sobre a galaicofobia na literatura castelá do século XVII. O traballo entra nas causas da xenofobia contra os galegos.

Alexandre Vigo 86
photo_camera Alexandre Peres Vigo. (Foto: Nös Diario).

-Acaba de publicar ‘Através Editora’ un libro da súa autoría titulado “Do odio á paródia”, onde se analiza o estereotipo antigalego na literatura española do século XVII. Como nace este proxecto?

Pois podemos dicir que foi unha sucesión curiosa de feitos. O tema sempre me fascinou, e de feito ese período centrou boa parte da miña tese de doutoramento que tiven a honra de que dirixira Manuel Ferreiro. Hai que dicir que o tema leva décadas sendo estudado e este libro, impulsado por Através, pretende ser unha achega máis, exhaustiva, que nos axude a coñecer mellor esa imaxe, ese estereotipo tan sumamente deformado de nós como colectividade humana, como nación.

-En termos xerais como foron descritos os galegos e galegas desa época na literatura do denominado “Século de Ouro español”?

Sen dúbida, dunha forma extraordinariamente negativa, e niso hai total unanimidade entre os estudosos e estudosas do tema, dentro e fóra de Galiza. E non é fácil atopar outros casos similares na literatura española. Dun punto de vista moral, eramos acusados de sermos ladróns, traidores, falsos, malos cristiáns ou herexes. Inclusive nos imaxinaba como seres feos e grotescos, de brazos e pés desproporcionados. Algún autor mesmo nos considerou “monstruos”, xa non digamos bestas. O noso idioma, por ser noso, tamén foi tratado de zafio e ridículo. No caso das mulleres esa ridiculización foi moi acusada, negábaselles todo o que a sociedade do momento valorada da muller. Por iso as mulleres galegas sempre son descritas como obscenas, rústicas e de modais baixos. Na maior parte dos casos somos retratados como inmigrantes míseros, criadas e lacaios cobizosos, sucios e bebedores. Podemos dicir que os galegos eramos vistos como a perfecta antítese dos valores cortesáns de Castela. O tema é moi longo mais creo que está ben resumido e organizado no libro.

-Por que se transmitiu unha idea tan negativa dos galegos e das galegas na literatura española dese período?

Tamén sería longo de explicar pero do que non hai dúbida é de que boa parte da culpa estaba na propia xenofobia contra a poboación galega. Tense dito, moitas veces, que este estereotipo tan degradado nace coa emigración pero non é de todo certo. Claro que existía unha masa de inmigrantes galegos en Castela que exercían traballos moi precarios, pero tamén había outros que estaban en moi boa posición, caso de emigrantes con bos oficios, e xa non digamos eclesiásticos ou aristócratas. Pensemos no conde de Lemos, un galego orgulloso de selo e tamén do seu idioma, ollo. Claro, con el non se metían os autores casteláns pola conta que lles traía. A imaxe dos galegos que se prefería para a literatura era a máis marxinal, algo que, por certo, tamén pasaba cos franceses ou cos vascos entre outros, pero de xeito diferente.

-Existiu algún tipo de reacción desde o país ou desde algunha das súas capas sociais fronte a este estereotipo dos galegos?

Si, e creo que non se coñece tanto como se debería. Explícome. Moitas veces pensamos que até a Ilustración, especialmente da man de Martín Sarmiento e de Benito Feixoo, non hai unha reacción da nación sobre todos estes prexuízos e imaxes. Non foi así. Abonda con ler, precisamente, o Buho Gallego, do conde de Lemos, para ver unha denuncia clarísima contra ese estereotipo antigalego. Non só el, outro aristócrata tremendamente influente como o conde de Gondomar saíu en defensa dos galegos, desde os máis ricos até os máis pobres, para reclamar a dignidade de Galiza. Non lles tremeu o pulso e tiñan moito que perder, hai que dicilo. Tiñan moi claro a que nación pertencían e reivindicábana.

-Que consecuencias, no caso de habelas, provocou esta imaxe na propia Galiza?

Sen dúbida, unha delas foi esta da que estabamos a falar, esa reacción, ese rexeitamento das clases altas galegas, as letradas, contra esa ridiculización. Pero teño para min que hai moitas máis, se cadra aínda non somos conscientes de todo desa influencia. O que é innegábel é que esa imaxe tan negativa chegou a instalarse nunha parte da sociedade, é o que hoxe chamamos autoodio, é dicir, a interiorización dunha imaxe negativa de nós mesmos, que por certo, nace fóra, en Castela. Claro, para a súa difusión houbo varias vías, algunhas directas, caso da emigración –e isto explícao moi ben Rosalía en El Cadiceño- pero tamén indirectas. Imaxina o impacto desa literatura tan influente nas clases letradas galegas, debía ser durísimo. O resultado foi a aparición do autoodio entre unha parte da poboación, mentres que outra gañou conciencia propia e da necesidade de facernos valer.

Comentarios