A galaicofobia viva após cinco séculos de historia

A galaicofobia, o odio e desprezo ao relativo a Galiza e as súas xentes, parece gozar de tal normalidade que apenas ocupa de cando en vez certas reflexións na prensa galega. Porén leva presente décadas e séculos no pensamento colectivo español.

libreriaweb-los-mas-inteligentes-chistes-de-gallegos-4751-MLA3834565616_022013-F-1
photo_camera Capa de 'Los más inteligenets chistes de gallegos'.

Nestes últimos meses, a situación sen precedentes vivida en todo o mundo a causa da alerta sanitaria está a provocar, entre outras consecuencias, a aparición de fenómenos sociais e palabras de novo cuño a un ritmo insólito.Sen dúbida un dos termos que maior repercusión social acadou no Estado español ao longo deste tempo foi a chamada “madrileñofobia”, o temor á chegada incontrolada de turistas procedentes de Madrid e os riscos que esta puidese representar para a poboación dos seus destinos de vacacións.

Talvez a notoriedade actual da “madrileñofobia” resida principalmente no seu carácter circunstancial, si, mais tamén na novidade que este tipo de reaccións representa nunha sociedade pouco afeita a aldraxes deste estilo.Nada máis lonxe do que acontece no caso galego, pois a galaicofobia−o odio e desprezo ao relativo a Galiza e as súas xentes− parece gozar de tal normalidade que apenas ocupa de cando en vez certas reflexións na prensa galega; no eido estatal estas xa resultan pouco menos que folclóricas.

A parodia da identidade galega

Un exemplo desta naturalidade encóntrase hoxe na publicidade que con independencia do seu formato ou plataforma tende a exhibir sen reparos o uso de tópicos que parodian a identidade galega e tras os que adoita agocharse un elemento vexatorio sutil. Mostras recentes deste fenómeno poden observarse en spots publicitarios como Too Good To Go, dirixido neste verán ao público español e no que se recrea unha parodia da fala galega, reducida a un castelán con certa prosodia galega (o coñecido como “acento galego”) e palabras que a cultura española asocia a Galiza (“carallo”). Con diferente forma mais cunha perspectiva similar, aínda cabe incluír nesta mesma liña o spot “Eres lover ou hater?” que  Vodafone fixo circular nas redes sociais en xullo, e no que non faltaban as típicas alusións á empada e a gaita −ridiculizada esta última−,e onde sorprende un imperdoábel desleixo polo idioma, visíbel no uso dun castelanismo no seu propio título-pregunta.

Ademais deste tipo de campañas de marketing, as máis delas producidas en Madrid, as declaracións dalgúns dirixentes políticos xa son todo un clásico; nesta ocasión, protagonizada hai unhas semanas por Cayetana Álvarez de Toledo ao referirse á suposta indecisión dos galegos(“non se saben se soben ou baixan, se van ou veñen”), sumándose á ampla hemeroteca da galaicofobia.Nesta liña, non menos agardados foron os centos de usuarios do Estado que, cita tras cita electoral, aproveitaron os resultados do 12 de xullo para encher Twitter de chíos nos que se reincidía na suposta ignorancia dos galegos, a súa rusticidade e o seu atraso económico e intelectual. Nada con que os galegos non estean familiarizados.

En realidade, o estraño sería que non o estivesen pois a galaicofobia, como unha doenza crónica, non só aflora cada certo tempo, senón que leva presente décadas e séculos no pensamento colectivo español. Transmitido xeración tras xeración e perpetuado na sociedade española a través da literatura, dos mass media e da propia linguaxe coloquial; abonda con botar unha ollada ao pasado, en concreto ás palabras que os grandes escritores da literatura española dedicaron aos “galegos” xa hai máis de catrocentos anos.

Os creadores da lenda negra contra os galegos

Entre elas, abonda con destacar consideracións como a que Miguel de Cervantes incluía en 1613, lembrando no seu relato curto La tía fingida como os galegos “non son alguén” ou a de Francisco de Quevedo, quen sen ambaxes de ningunha clase sinalaba en 1609 como Galiza “en España é tido aínda polos mesmos españois en desprezo, por ruda, pobre, bárbara e remota”. Máis infausto −aínda que ben celebrado na época− resultou o soneto de Lope de Vega no que se chamaba a Galiza a esterqueira de España, “reino infeliz, país desventurado, / de España esterqueira, anaco do mundo” nunha das pezas máis galaicófobas da tradición lírica española.

A pesar da súa influencia, o certo é que nin Quevedo, Cervantes ou Lope de Vega foron os creadores da lenda negra antigalega, senón en todo caso meros transmisores −e grandes amplificadores− dun sentir social que nunca comprendeu de escala social, poder económico ou nivel cultural. Aínda cunha coincidencia de fondo cos spots publicitarios contemporáneos, no século XVII o acento galego, como a gaita e a gastronomía galegas, xa eran recursos cómicos ben frecuentes na cultura castelá/española, utilizados para espertar a risada fácil do auditorio, tanto nas obras teatrais ás que acudían os monarcas españois e o seu séquito no teatro real de Madrid, como os cantares populares de vilas e cidades como Segovia, Toledo, Sevilla ou Valladolid.

Con todo, a galaicofobiaxa era daquela un recurso ben popular en Castela.Con certeza, a mellor proba da súa extraordinaria aceptación social son nos refráns −eses ditos que Erasmo de Rotterdam consideraba xenuínos espellos do imaxinario colectivo dun pobo− e que na Castela do século XVI acostumaban a incluír referencias de carácter fortemente antigalego. Así o demostra unha das xoias históricas dos refraneiros ibéricos como é Los refranes e proverbios en romance, obra na que Hernán Núñez de Toledo (1475-1553) chegou a recoller máis de oito mil refráns, e que, finalmente, sería publicada postumamente en Salamanca polo seu discípulo, León de Castro, en 1555.

Os refráns como expresións do ambiente antigalego

Para alén de incorporar refráns en numerosas linguas ibéricas e non ibéricas, Hernán Núñez de Toledo recolleu nos seus Refranes unha boa parte dos ditos que sobre os galegos circulaban na sociedade castelá de entón; testemuñas de excepción do ambiente antigalego que xa hai case 500 anos imperaba na meseta. Entre eles destacan algúns que demostran gran desprezo e hostilidade contra o pobo galego, salientando a súa suposta falsidade (“Paz de galego tena por agoiro”) ou a súa corrupción xudicial(“A xuíces galicianos, cos pes aos  maos”).

Como cabería de esperar dun clima social adverso contra as linguas non-castelás, as referencias ao idioma galego tamén resultaron inescusabelmente despectivas, presentándoa como unha lingua rústica, tan bárbara como incomprensíbel (“Somos galegos e non nos entendemos”). En realidade a lingua apenas transparentaba unha idea ben asentada na mentalidade castelá, a inferioridade dos galegos fronte aos casteláns;un concepto que atopa o seu mellor expoñente noutro dos refráns compilados por Núñez de Toledo: “A galego pedidor,castelán posuidor”. Con todo, de todos eles, o que sen dúbida desprende un maior racismo é aquel coñecido “Nin can, nin negro, nin mozo galego”, que recordaba como a triste sorte de “negros” e “galegos” apenas se distanciou en determinadas épocas, mesmo nalgunhas non tan afastadas.

Ben é certo que da compilación destes e outros refráns xa pasaron case cinco séculos, mais hoxe, coma onte, a pesar da súa atenuación −e da forzosa continencia que esixe a corrección política−, a galaicofobia segue a comportar un fenómeno que marca as relacións galego- españolas. Malia que as fobias e as filias entre pobos, nacións e grupos humanos poden mudar, tal e como sucedeu cos irlandeses (hibernofobia) ou dos franceses (galofobia),figuras malparadas na literatura española barroca cuxa imaxe se modelou positivamente en séculos sucesivos, no que atinxe á imaxe de Galiza e das súas xentes, esta semella arrastrar no pensamento español gran parte da denigrante concepción que o reino de Galiza mantiña na coroa de Castela; un fenómeno que case cincocentos anos despois segue a lastrar a autoestima do país en todas as súas caras imaxinábeis. Até cando?.

Comentarios