A palabra do día en imaxes ten premio no novo concurso da RAG

Cada traballo centrarase nun dos temas semanais que se proporán entre o 5 de outubro e o 1 de novembro: a efeméride do Día da Nena; a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero; o Samaín e mais o coidado do medio natural.
Ilustración de GZ Visual.
photo_camera Ilustración de GZ Visual.

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié convocan a través da web do Portal das Palabras o concurso Olla a Palabra do Día! A iniciativa, dirixida aos centros de educación infantil, primaria e secundaria, repartirá oito premios entre os traballos do alumnado que lles poñan imaxes aos termos da sección Palabra do Día publicados na plataforma durante o mes de outono.

Cada traballo deberá centrarase nun dos temas semanais que se proporán entre o 5 de outubro e o 1 de novembro, centrados, por esta orde, na efeméride do Día da Nena; a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero; o Samaín e mais o coidado do medio natural. As bases do concurso poden consultarse na rede.

O certame pretende "promover a difusión do léxico galego e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual, que consiste en converter en imaxes sinxelas e recoñecíbeis todo tipo de conceptos e ideas", destacan as entidades organizadoras.

A convocatoria ponse en marcha coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, que promociona esta ferramenta didáctica nas aulas de todos os niveis.

O apartado da Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal e cada termo acompáñase non só do significado da acepción en cuestión, senón que tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da literatura e medios de comunicación galegos que engaden elementos inspiradores para as persoas que desexen participar no reto de traducir as palabras á linguaxe visual.

Comentarios