Ourense acolle o IX Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil

A iniciativa alcanza este ano a novena edición.

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que organiza a Universidade de Vigo no seu campus de Ourense arrancará o vindeiro 25 de outubro a súa programación, que se prolongará até o 15 de novembro. Nesta ocasión centrarase no teatro e a dramatización na formación da identidade lectora, contando coa participación das e dos escritores galegos Raquel Castro, Paula Carballeira, Antón Cortizas e Carlos Labraña, “probabelmente as catro persoas que máis produción teñen de literatura dramática infantil na Galiza”, destacan.

A iniciativa, que celebra este ano a súa novena edición, está organiza pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Isabel Mociño, contando co apoio de Carla Míguez e de Verónica Pousada. 

Catro conferencias

Todas as sesións, abertas ás persoas interesadas, terán lugar na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus de Ourense ás 18 horas. A primeira, o 25 de outubro, contará coa conferencia da mestra e escritora Raquel Castro Aprender sentindo, o teatro máis ca un xogo nas aulas.

O 31 de outubro será a quenda da escritora e contacontos Paula Carballeira, que ofrecerá un relatorio titulado Breves instrucións para ler teatro. Xa en novembro, o día 8, Antón Cortizas, “un dos clásicos  que está sempre presente cando falamos de literatura infantil”, achegarase ao campus de Ourense para ofrecer a conferencia E se a escola fose un teatro? A tradición oral como recurso educativo.

Por último, o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023 pecharase o 15 de novembro coa intervención de Carlos Labraña, “probabelmente o autor galego con máis obra dramática infantil escrita”, Non dramatices! Censura e autocensura no teatro infantil.

Comentarios