A Orquestra Sinfónica de Galiza estrea a cantata 'Terra' de Juán Durán

A Orquestra Sinfónica de Galiza (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán, nun concerto conmemorativo do 40º aniversario do Consello da Cultura Galega.
Juán Durán. (Foto: Alberto Bandín / Europa Press)
photo_camera Juán Durán. (Foto: Alberto Bandín / Europa Press)

O Palacio da Ópera da Coruña acolle hoxe, ás 20 horas, un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). A Orquestra Sinfónica de Galiza (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán. O concerto será gravado para a súa futura edición. 

Este concerto, que se integra dentro do programa de abono da OSG, presenta un programa con dúas pezas de marcado corte festivo. Unha delas é unha composición elaborada especificamente para a ocasión por Durán. Trátase dunha cantata para solista, coro e orquestra, e para a súa interpretación contarase co coro da OSG, dirixido por Carlos Mena e Javier Fajardo, e co barítono Javier Franco. 

O programa arrinca coa Sinfonía nº 3 en mi bemol maior, op. 97 "Renana" de Robert Schumann. Estreada en Düsseldof en 1951, ten unha carga revolucionaria que foi recibida con éxito en moitas cidades europeas da época. 

Textos de Cabanillas

Na súa composición, Durán buscou mostrar o carácter reivindicativo da obra de Ramón Cabanillas, para o cal partiu dos textos máis militantes dos poemarios No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. O resultado é unha obra duns corenta minutos que combina unha homenaxe á tradición oral do país cun ton épico e de intencionalidade descritiva das paisaxes, os sentimentos e a historia do país. 

Juan Durán (Vigo, 1960) é autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Recibiu numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio da Cultura Galega en 2013. É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e da M. I. Academia da Música Valenciana. 

A súa produción compositiva está depositada no Arquivo de Galiza e foi editada en Viso, Real Musical, Dos acordes, Dinsic, Editorial Rivera etc. Tamén existen rexistros da súa música en distintos CD e DVD.

Dedica gran parte do seu traballo compositivo á música vocal, cun amplo catálogo de cancións, tanto de creación propia como arranxos e orquestracións de temas galegos. Musicalizou poetas en lingua galega, catalá, española, francesa e italiana, dos que destaca a súa colaboración con poetas actuais como Antonio Carvajal, Julia Uceda ou Marica Campo, entre outros.

As súas obras interpretáronse en gran parte de Europa e nos Estados Unidos, A Arxentina, O Brasil, Chile, México, Hong Kong ou Tailandia, entre outros países.

Comentarios