Unha exposición e un ciclo de conferencias inician as homenaxes do centenario

Comezan os actos do ano María Casares

O ano 2022 marca o centenario do nacemento de María Casares, unha das grandes actrices do teatro do século XX. Casares, que xa se converteu en mito e símbolo do teatro galego, será recordada durante todo o ano en diversas actividades que comezan agora a súa andaina cun ciclo de conferencias e unha exposición. 
As actividades organizadas polo Concello da Coruña visan a visibilizar os lazos entre María Casares e a cidade.
photo_camera As actividades organizadas polo Concello da Coruña visan a visibilizar os lazos entre María Casares e a cidade.

"Eu nacín aquí. Meus pais naceran aquí e mais meu avó paterno e a miña avoa paterna, e tamén a miña avoa materna e máis lonxe na miña ascendencia os meus antepasados e a súa proxenie”. María Casares subliña así as súas orixes galegas no libro de memorias que escribiu, Residente privilexiada, nas que se relata polo miúdo como foi medrando o seu sentimento de pertenza ao país que a vira nacer. 

A pasada sexta feira inaugurouse a exposición Eu son de aquí, no Fórum Metropolitano da cidade herculina, que abre o Ano Internacional María Casares organizado polo Concello para conmemorar o centenario da actriz galega. A exposición orbita arredor de varios eixos temáticos que van desde a Coruña natal na súa época até a valoración de Casares como muller independente, pasando polos sucesivos exilios vividos pola actriz -primeiro a Madrid, polas responsabilidades políticas do seu pai, Casares Quiroga, durante a República, e logo a Francia, despois do golpe de Estado fascista. 

A mostra tamén fai un breve repaso da súa carreira, tanto no teatro coma no cinema, e da súa pegada na cultura francesa. Conta, igualmente, con material audiovisual, accesíbel a través de códigos QR, como un fragmento da actuación de María Casares en Macbeth no Festival de Avignon de 1956 co Teatro Nacional Popular, o trailer do filme Orphée, de Jean Cocteau, ou unha entrevista concedida en 1989 ao programa da TVG Xente Nosa

Despois do Forum Metropolitano, a exposición itinerará por todas as bibliotecas municipais da Coruña, que simultaneamente lles amosarán aos usuarios todo o material bibliográfico e documental do seu catálogo relacionado coa actriz.

En marzo inaugurarase a nova musealización dos materiais sobre Casares na Casa Museo Casares Quiroga, onde tamén terán lugar as conferencias dramatizadas “Voces para un centenario”

O Ano María Casares na Coruña

A conmemoración do centenario da actriz continuará na cidade da Coruña coa presentación dunha biografía en banda deseñada -En tres actos, María Casares- este mesmo mes de febreiro. En marzo inaugurarase a nova musealización dos materiais sobre Casares na Casa Museo Casares Quiroga, onde tamén terán lugar as conferencias dramatizadas “Voces para un centenario”. E de maio a xullo estará patente no Quiosco Alfonso a exposición María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada. Ademais, o programa completarase con rutas urbanas guiadas pola Coruña de Casares e visitas teatralizadas ao Teatro Colón. As actividades culminarán cun encontro internacional que decorrerá en novembro, mes no que se estreará tamén o documental dirixido por Xavier Villaverde A muller que viviu 1.000 días.

En marzo inaugurarase a nova musealización dos materiais sobre Casares na Casa Museo Casares Quiroga, onde tamén terán lugar as conferencias dramatizadas “Voces para un centenario”

Ciclo de conferencias 

Tamén a Xunta comeza hoxe coas propostas que impulsa para celebrar a efeméride do centenario de Casares, co inicio do ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que, en colaboración con distintas entidades estatais e internacionais, se prolongará até novembro no Museo de Belas Artes da Coruña. Johanna Silberstein, actriz e codirectora do centro cultural francés a Maison Maria Casarès, que ofrecerá o “Nacer española e morrer francesa”, e o arquitecto Felipe Peña, que explicará a súa intervención no proceso de rehabilitación da casa familiar Casares Quiroga, iniciarán este programa. 

O ciclo prolóngarase cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista. Así, a próxima cita será o 16 de marzo con Anne Plantagenet, autora dunha quincena de libros, novelas, contos, relatos, biografías e unha trintena de traducións do español. O seu último libro, L ‘Unique, Maria Casarès, está dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus. Ese día tamén impartirá un relatorio o director teatral Lluís Pascual, un dos fundadores do Teatre Lliure de Barcelona que estivo a cargo da súa dirección durante os anos 1998-2000 e 2011-2018.

Entre as propostas para os vindeiros meses destacan tamén un proxecto en colaboración coa Embaixada de España en París e o Instituto Cervantes que incluirá unha mesa redonda, unha lectura escénica de fragmentos da actriz e unha mostra no Instituto Cervantes de Marceau e Quentin Bauchart (Francia). En Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, haberá un ciclo de conferencias e charlas sobre a autora.

Na Galiza, entre outras moitas actividades, destaca a estrea, o vindeiro 16 de maio, dun espectáculo sobre a actriz, Continente María, dirixido por Tito Asorey  e coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña.

Comentarios