O XII Festival da Terra e da Língua reivindica en Xubia as seleccións nacionais galegas

Un ano máis, a Fundaçom Artábria desenvolve o 21 de xullo a cita na que música, convivio, cultura e reivindicación van da man. Nesta edición, o lema escollido é "A nossa é a galega" e o lugar de celebración, Narón

Un ano máis, e xa van doce, chega o Festival da Terra e da Língua organizado por Artábria  e disposto a revoltar Ferrolterra a base de música, cultura, deporte, convivio e reivindicación. Nesta edición, o lema é "A nossa é a galega", apostando por xogar ao contra ataque contra "La Roja". Como a propia Artábria recoñece, "acabamos de sofrer umha intensa campanha do espanholismo para nos meter polos olhos as suas seleçons, a sua bandeira e todo o imaginário negador da Galiza como realidade nacional, cultural e lingüística diferenciada, é um bom momento para o contra-ataque.A afirmaçom em primeira pessoa da nossa identidade, do nosso direito à existência, expressa-se nesta nova ediçom do Festival da Terra e da Língua através da reivindicaçom de seleçons desportivas próprias e com direito à participaçom em torneios oficiais de caráter internacional"

Programa: Desde exposicións e debates a churrascada, futebol gaélico e concertos

Se ben o 'día grande' do festival será o 21, xa nas xornadas anteriores comeza a ferver o ambiente pola zona ártabra. Así, desde o 16 (e até finais de setembro) haberá unha exposición itinerante, que conta coa colaboración de Galiza Contrainfo.

O día 20 terá lugar unha mesa redonda sobre "A oficialidade, a debate" e na que tomarán parte Raul Ríos (de Siareir@s Galeg@s) e Wenzeslao Zapata (integrante da selección galega de futebol gaélico). Unha hora e media máis tarde, ás 21:00 horas, terá lugar no campo de Piñeiros o partido intrnacional de futebol gaélico entre as seleccións da Galiza e Breizh (Bretaña).

Cuchufellos, Betagarri, Trapalhada, Fracasados de Antemano

O sábado 21 o festival comezará coa música de charanga a facer pasarrúas pola estrada de Castela. Á unha do serán terá lugar a sesión Vermut na carpa do Festival, ao tempo que se realiza a presentación desta edición. 

Tras a churrascada para reparar forzas e coller folgos para unha tarde e noite intensas, levarase a cabo desde o Festivalzinho até obradoiros de xogos populares, e o pregón. A pregoeira será nesta ocasión, Pilar Neira, corunhesa de 49 anos, leva desde os 19 a treinar equipas de futebol e de futebol de salom. Jogou sete ano no Karbo da Corunha e também 19 temporadas andebol, no Andebol Corunha. 

E a partir das dez da noite, o concerto, coas actuacións de Fracasados de Antemano, Trapalhada, os vascos Betagarri, Cuchufellos e Dz Selectors.


Comentarios