O 'papa' Leo Bassi reinaugura no Gaiás o “brodio” do Mausoleo Manuel Fraga

“A Cidade da Cultura é divertida até certo punto. Despois, resulta dramática”. Con estas palabras o clown Leo Bassi resumiu hoxe as sensacións que lle produce o complexo cultural do Monte Gaiás. A chanza, o humor e o bizarrismo zumegan de cada unha das pedras do descomunal espazo baleiro. Do despropóstio nace a parodia e o riso, mais o drama para Bassi xorde cos millóns gastados nun conxunto que definiu, reiteradamente, como “brodio produto da megalomanía”.
Leo Bassi inaugurando o "Mausoleo Manuel Fraga" na Cidade da Cultura
photo_camera Leo Bassi inaugurando o Mausoleo Manuel Fraga; na Cidade da Cultura

Un “brodio” que soñou o ex presidente Fraga a finais dos noventa, ideou o arquitecto Peter Eisenman e que seguiu a medrar entre o desconcerto da cidadanía até hoxe, día en que o Bassibus subiu ao Gaiás coa intención de denunciar, máis unha vez, o disparate.

Entre néboas e ao son que Los Limones lle compuxeron á campaña de Núñez Feijóo en 2009, o autobús comandado polo pallaso italiano subiu até o Monte Gaiás. Polo camiño, Bassi quixo explicar, despois de dedicarlle unhas palabras ao ex-alcalde compostelá Gerardo Conde Roa ao pasar por diante do seu domicilio, o sentido da visita e do conxunto da súa carreira artística. “Son un bufón e os bufóns empregan o humor para ir en contra da xente que fixo inxustizas”, lembrou. Nesa visita, a “inxustiza” chamábase Cidade da Cultura, un complexo que, a ollos do bufón, é “un profundo erro económico, cultural e mesmo espiritual”. Bassi, aínda entre os asentos do bus, tamén quixo explicar que todos os seus espectáculos son “libres” na medida en que non recibía axudas públicas. “Nunca traballo con subvencións porque limitan a creación. As subvencións nunca son gratis. Eu mantéñome á marxe”, sentenciou o clown antes de lles presentar aos espectadores da súa singular visita performática os seus convidados. O primeiro en falar foi o xornalista Ramón Chao, quen quixo acompañar a Bassi na súa subida ao Gaiás e quen reflexionou sobre a importancia de Prisciliano na historia. “Isto podería ser un gran centro priscilianista”, asegurou Chao. Tamén estaban presentes Xesús Redondo Abuín, membro da plataforma Cultura Si, Mausoleo Non; e Xesús Domínguez, voceiro da Plataforma de Afectados polas Preferentes.

O católico Eisenman e o seu gusto pola dereita

Xa na Cidade da Cultura, Leo Bassi iniciou a súa visita baixo as torres Hejduck e cargando contra o arquitecto que ideou o complexo. “Eisenman, que é un arquitecto católico e conservador, aseguraba en varias entrevistas que prefería traballar coa dereita, porque a esquerda ten comisións, fai preguntas e coa dereita todo é máis sinxelo. Por iso Eisenman chamaba a Fraga cliente e non o trataba como un presidente”, sinalou Bassi antes de explicar tamén o seu punto de vista sobre o traballo do arquitecto. “El di que é unha fusión entre a forma de vieira, o casco antigo de Santiago proxectado sobre o monte e os eixes da rede cartesiana. E cal é o resultado? Un brodio!”, exclamou entre os risos do público. Pola súa banda, Abuín asegurou que o arquitecto embolsárase na primeira entrega “un millón de euros” e que aínda “quedan pendentes outros moitos”.

Competencia para a Catedral

A visita performática chegou ao seu momento solemne cando Bassi se transfigurou no bispo de Roma. Calzando a indumentaria papal, o clown representou unha nova inauguración do complexo. Cambiándolle o nome tanto á Fundación Cidade da Cultura -que pasou a chamarse Fundación Atrocidade da Cultura- como ao propio Gaiás -que se rebautizou como Mausoleo Manuel Fraga-, o ficticio santo padre descubriu un cartaz conmemorativo perante a atenta mirada dun vixilante, preocupado pola posibilidade de que o estraño visitante colgase o cartaz directamente sobre a pedra. “Ninguén me trouxo en 2010 a este lugar, non quería que vise esta competencia á catedral, este intento de catedral laica”, lamentou o papa Bassi, aplaudido con devoción pola súa freguesía.

Ás portas da Biblioteca de Galicia, Bassi continuou coa súa denuncia criticando a creación deste “brodio”. “Esta é a típica historia do caciquismo e megalomanía do PP”, explicou Bassi, quen tamén lamentou que non se chegase a paralizar a súa construción durante o bipartito. “Isto é unha gran vergonza. Aquí hai quen di que se enriquece a cultura. Non se enriqueceu, empobreceuse”, seguiu laiándose un Bassi que quixo asegurar que no complexo “xa se gastaran 475 millóns”.

O caso das preferentes

E desa vergonza con forma de macrocomplexo cultural, o bufón italiano quixo pasar a outra con nome de participación preferente. Entre os andeis a medio encher da gran Biblioteca do Gaiás, Leo Bassi interesouse polo caso das persoas estafadas por este produto de risco bancario e entrevistou perante o seu público a Xesús Domínguez, da Plataforma de Afectados das Preferentes, quen achegou as cifras desta “vergonza”. “As preferentes e as subordinadas vendéronse, sendo produtos de risco, como fondos de depósitos de prazo fixo. Enganouse a xente, que realmente firmou unha doazón aos 50 bancos que as vendían”, explicou Domínguez, quen lembrou que en Galiza hai máis de 100.000 afectados e que en todo o estado se venderon perto de 35.000 millóns en preferentes. “Deses cartos e grazas ao decreto aprobado polo Goberno de Rajoy, vánselle regalar á banca 25.000 millóns”, denunciou Domínguez perante un Bassi que xa fixo os seus propios cálculos. “Se o Gaiás custa perto de 500 millóns, a estafa do preferente representa 50 Gaiás. E faise todo con impunidade! A miña alma de bufón non o pode aceptar”, explicou o italiano.

A visita rematou coa plantación dun carballo nunha das rotondas da Avenida Manuel Fraga, vía que lle dá acceso á Cidade da Cultura, e cunha conclusión por parte Bassi sobre o futuro do complexo de Eisenman. “Este lugar pode ser como o Val dos Caídos, como a imaxe dun ditador. Quedará como o reflexo dunha mentalidade”, concluíu o clown, deixando atrás unha Cidade da Cultura perdida entre a chuvia e a néboa.

Comentarios