CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O fío invisíbel

fio1
photo_camera Un fotograma do filme

Phantom Thread

(EUA 2017, 130 min.)

Dirección, fotografía e guión: Paul Thomas Anderson

Música: Jonny Greenwood

Elenco: Vicky Krieps, Daniel Day-Lewis, Lesley Manville, Gina McKee, Richard Graham, Bern Collaco, Jane Perry, Camilla Rutherford, Brian Gleeson

 

SINOPSE

Reynolds Woodcock é un dos modistos máis prestixiosos de Londres. O seu carácter obsesivo e perfeccionista faille complicado manter relacións duradeiras até que coñece Alma, unha camareira que se converte na súa musa. Desde ese momento Alma intentará comprender a complexa personalidade do seu amante.

 

CRÍTICA

Quen coñeza un pouco a filmografía de Paul Thomas Anderson (non confundir con Wes Anderson, ‘par favar’) sabe que non é precisamente un director de masas, aínda que si ten a particular habilidade de poñer de acordo crítica e público. Deu o salto á fama con Boogie Nights á que lle seguiron Magnolia, Pozos de ambición, The Master e Puro vicio, todas elas presentes na gala dos Óscar en diferentes categorías, e todas elas cunha duración de máis de dúas horas. Filmes extensos, con personaxes atormentadas, autodestrutivas e con finais secos e desconcertantes.

 

Nesa mesma liña móvese tamén O fío invisíbel, unha historia que ten a alta costura dos anos 50 como pano de fondo para contar unha historia de amor entre un modisto endeusado e obsesivo (Daniel Day-Lewis), e unha camareira pobre e sen mundo (Vicky Krieps). Así en frío semella o típico romance do príncipe azul e a rapaza sacada do arroio, pero nada máis lonxe. Si que é unha historia de amor, pero é unha historia de amor enfermiza, posesiva, nos límites da tolerancia. Un sorprendente exercicio de estilo, absolutamente brillante, no que destaca practicamente todo, tanto a nivel técnico como artístico: vestiario, música, intérpretes, dirección, fotografía, guión... Até 6 nomeacións aos Óscar, nada menos.

 

Probablemente sexa o filme máis persoal de Paul Thomas Anderson. Produce, dirixe, escribe o guión e, ademais, firma a dirección de fotografía. Conta de novo con Daniel Day-Lewis que se despide definitivamente (?) da farándula da mellor maneira posíbel: optando ao seu cuarto Óscar a Mellor actor, despois dos acadados en O meu pé esquerdo (1989), Pozos de ambición (2007) e Lincoln (2012). Soberbio. Que máis se pode engadir dun actorazo coma Daniel Day-Lewis que non se dixera xa? Pouco... pero curiosamente non é o único aliciente de reparto de O fío invisíbel pois Vicky Krieps (Karl Marx de mozo) e Lesley Manville, nomeada ao Óscar a Mellor actriz de reparto, están ao mesmo nivel, ou máis...

 

A partitura musical de Johnny Greenwood, habitual de Anderson, acompaña de principio a fin á película cunha delicada peza con pequenas variacións que van á par dos pequenos cambios de matices de que se producen nas personaxes. Uns cambios extremadamente sutís, case imperceptíbeis, cando menos durante a meirande parte do filme, con apenas puntos de inflexión, cando menos até ese subidón final “marca da casa” que fai cadrar, e fai bon, o embrollado melodrama que acabamos de presenciar. Un final que, xa aviso, ten máis dunha interpretación, así que atentos ás pistas que se van deixando caer polo camiño.

 

Un filme denso, contemplativo, minucioso e non apto para impacientes. Quen saiba esperar poderá saborear unha deliciosa peza de ourivaría cinematográfica que fará as delicias dos padais máis exquisitos.

Comentarios