Núñez Singala faise co Premio dos Clubs de Lectura de 2023

O galardón recoñece o labor de autores e autoras galegos cuxos libros "concitan o interese das lectoras e lectores" dos clubs de lectura.

O escritor Manuel Núñez Singala. (Foto: Santos Díez)
photo_camera O escritor Manuel Núñez Singala. (Foto: Santos Díez)

O escritor Manuel Núñez Singala vén de gañar o Premio dos Clubs de Lectura de 2023. Así o recoñece unha resolución publicada esta sexta feira (co gallo da celebración do Día Mundial do Libro) pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Trátase dun galardón que busca recoñecer o labor das autoras e dos autores de obra en galego que "facilitan" cos seus libros a función do profesorado como mediador de lectura e que "concitan o interese" das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura.

Núñez Singala foi o autor seleccionado polo maior número de clubs de lectura dos centros de ensino do país. Será convidado a participar na XV Xornada dos Clubs de Lectura, onde recibirá a homenaxe do profesorado e, por el representado, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino primario e secundario da Galiza.

Manuel Núñez Singala naceu en Lugo en 1963, malia que moi cedo marchou a vivir a Vilalba, na Terra Chá. Cursou os estudos de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago, cidade na que reside actualmente. Traballou no Parlamento da Galiza e na Xunta, e desde 1988 dirixe o Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Atranco no banco (Galaxia, 2019), unha peza teatral en chave de humor, foi a súa última obra publicada, após outros títulos destacados como as novelas Noite de temporal (Obradoiro-Santillana, 2017) ou Camiños na auga (Galaxia, 2016). Tamén practicou o ensaio en Sacar a lingua é de mala educación (Galaxia, 2017) e En galego, por que non? (Galaxia, 2009).

En 1987 recibiu o Premio Xiria de Creación Teatral por O achado do castro; en 2004, o Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Bicos con lingua (VV.AA. inédito); en 2012, o Frei Martín Sarmiento por Menú de Enganos, e en 2013, o Premio Careón.

Outros premiados polos Clubs de Lectura

Até o momento recibiron o Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021) e Antía Yáñez (2022).

Comentarios