A Real Filharmonía abre na Mariña o Festival 'Bal e Gay'

O evento agarda recibir máis de 3.500 persoas entre o 12 e o 24 de agosto nos concertos que terán lugar en varias localidades da Mariña.
A Real Filharmonía da Galiza nunha actuación en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Real Filharmonía da Galiza nunha actuación en Compostela (Foto: Nós Diario).

O 'Festival Bal e Gay' decorrerá do 12 ao 24 de agosto e nesta a novena edición agarda recibir 3.500 espectadoras e espectadores contando cos singulares espazos de varias localidades da Mariña no que ten lugar.

Anunciouno onte en Compostela Alba Rodríguez, a directora do evento, nun acto na Cidade da Cultura no que tamén participaron responsábeis da Consellaría de Cultura, da Mancomunidade de Concellos da Mariña e do Concello de Foz. Nesta ocasión, o proxecto familiar, que se converteu en toda unha referencia estatal, tamén aposta, como é habitual, pola excelencia. 

Aproveitando a ocasión, o festival fixo balance sobre o proxecto socioeducativo da Fundación Xesús Bal e Gay, organizadora do festival, cos seus proxectos 'Sinfónico no rural' (20 nenas e nenos en Barreiros e Pontenova) e 'Operiña nas  escolas' (90 nenas e nenos en Viveiro e Foz). 

Unha programación de primeiro nivel 

A Real Filharmonía da Galiza (día 12, Teatro Pastor Díaz de Viveiro) inaugurará o Festival interpretando a Serenata para cordas de Xesús Bal e Gay e a Sinfonía nº 7 de Beethoven. Ademais, tamén recibirá á recoñecida formación belga Armida Quartet (día 13, Pazo do Conde de Fontao de Foz), ao afamado contratenor Carlos Mena (día 14, Igrexa de Santiago de Foz) e ao emerxente Dúo do Valle (día 17, Fábrica de Sargadelos de Cervo). 

Tamén contará con propostas tan atractivas como Elisabeth  Leonskaja, a gran dama do piano (día 21 de agosto, Auditorio Hernán Naval de Ribadeo); Pablo Ferrández, o violonchelista español con maior proxección mundial (día 22, Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo); o Cuarteto Quiroga, toda unha referencia en Europa (día 23, Igrexa de San Martiño de Foz); e a Orquestra Sinfónica da Galiza, considerada unha das mellores da peninsula, repite este ano coa Sinfonía nº 102 de Haydn e a Sinfonía nº4’ de Mahler (día 24, Catedral de Mondoñedo). 

Por último, salientar  que na programación tamén hai un oco para un espectáculo infantil. Os Títeres Etcétera realizarán un concerto infantil co nome de Almavera no que se interpretará unha sonata para violín e títeres (15 de agosto en Ribadeo e 16 de agosto en Foz).

Comentarios