Novo coleccionábel do 5 de xaneiro ao 26 de febreiro

‘Nós Diario’ achega os tímpanos medievais da Galiza

Co fin de dar a coñecer e a entender o significado do patrimonio galego, ‘Nós Diario’ lanza o coleccionábel ‘Tímpanos Medievais da Galiza’, unha guía interpretativa para un público amplo interesado en saber máis da arte. As entregas acompañarán o diario en papel, e para a lectura na nube, do 5 de xaneiro ao 26 de febreiro.

photo_camera Tímpano de Santa Cristina de Ramallosa, en Baiona (Foto: José Antonio Gil Martínez)

Os séculos XII e XIII deixaron unha copiosa e variada mostra de obras por toda a Galiza, un acopio monumental extraordinario, polo valor e pola abundancia e porque desenvolven un amplo programa iconográfico centrado na idea de Igrexa como conxunto de fieis e como edificio.

Orixinalmente ideadas baixo o programa que chamamos Románico, moitas destas igrexas foron concluídas con outros parámetros arquitectónicos, e mesmo ideolóxicos, mais, en todo o caso, atinxiron o seu esplendor na Galiza medieval e foron ideadas e construídas en íntima relación co desenvolvemento dos Camiños de Santiago e cos poderes civil e relixioso, unhas veces aliados e outras enfrontados.

Igrexas a escala humana

Os séculos XII e XIII corresponden co período de esplendor da sociedade feudal galega e A Galiza vai corresponder á cultura universal con achegas artistas supremas no campo da literatura, a música e a arquitectura, co románico compostelán e os Cancioneiros como expresión máxima, lírica e arquitectura que se unen en máis dunha das obras pétreas.

Recoller esas achegas vai ser, en certa medida, o percorrido desta publicación coleccionábel que, sob a denominación de Tímpanos Medievais da Galiza, se iniciará o próximo día 5 de xaneiro e se prolongará até o 26 de febreiro, cun total de 32 entregas. A selección feita segue a rota dos camiños a Compostela, desde o Norte e desde o Sur; do este cara ao oeste, incluíndo unha amostra tanto dos grandes monumentos como das máis modestas edificacións.

O percorrido desta publicación coleccionábel que, sob a denominación de Tímpanos Medievais da Galiza, iniciarase o próximo día 5 de xaneiro e prolongarase até o 26 de febreiro, cun total de 32 entregas

Todos os nosos grandes monumentos medievais foron analisados e son internacionalmente coñecidos, mais, ao lado destes, hai centenares de edificacións, orixinariamente románicas e que hoxe vemos como resultado dunha serie de reformas unha veces debidas á necesidade que o paso do tempo impón e outras para os adaptar aos novos gostos artísticos e, mesmo, ás novas maneiras de entender o mundo e representar as crenzas. Tamén é necesario divulgar estas e igual de importante é dar a coñecer e pór en valor o noso patrimonio entre nós mesmos pois só así, se o valoramos, seremos capaces de o conservar para o futuro.

Pasado o ano 1000 e seguindo os diferentes camiños de peregrinación cara a Compostela comezan a aparecer varios templos seguindo unha mesma tipoloxía construtiva. No final do século XI, a tipoloxía arquitectónica de peregrinación atópase plenamente definida, coincidindo cunha grande afluencia de peregrinos a Compostela.

Toda a arte románica está impregnada dun grande contido simbólico e todos os elementos arquitectónicos están ao servizo desa simboloxía, unha simboloxía a escala humana que non desbota ningún dos elementos que como humanos nos envolven, incluído o pecado e o demo. Mesmo as igrexas se acomodan á forma humana e as partes do edificio receben o nome de partes do corpo humano: a ábsida é a cabeza da igrexa e o extremo oposto, os pés; o transepto son os brazos e as naves, co altar como corazón no centro, son o corpo.

Un catecismo en imaxes

Estes fascículos céntranse no exterior da igrexa medieval, especialmente na rica escultura monumental. Partindo dos tímpanos, onde se concentra a decoración escultórica máis importante, talvez por ser a máis visíbel, aproximarémonos tamén a outros elementos significativos considerando, sempre, que esta decoración ten unha finalidade didáctica e será o catecismo que recorda os principios ditados desde o púlpito a unha poboación analfabeta.

Os motivos e os temas son ben coñecidos do público, grazas á evanxelización oral. Capiteis e canzorros, decorados con monstros, vicios e pecados, escenas do día a día ou escenas bíblicas, conforman ese catecismo en imaxes que olla e vixía o que acontece fóra da casa de Deus ao

tempo que serven para lembrar, e manter, a orde xerárquica estabelecida que, con todo, non esquece nunca, e daí a súa abundancia, repartir por toda a parte símbolos de redención como o Agnus Dei que lembran a acción salvadora de Cristo.

Autoras e monumentos

Especialistas na arte medieval como Aurelia Balseiro, Ana López Formoso, Félix Longueira, Xosé Antón García, Carmela Galego, Lois Diéguez, Paula Verao, Sara Quintana Vila, Carlos Bernárdez, Yolanda Barriocanal, Ramón Yzquierdo Peiró, Manuel Vilar e Xan Fernández Carrera achegarán a linguaxe simbólica dos tímpanos de Santa María do Campo e a Igrexa de Santiago da Coruña; San Miguel do Monte e Santiago de Requeixo de Chantada; Santa María do Azogue de Betanzos; San Martiño de Moldes de Melide; San Miguel de Eiré e San Fiz de Cangas de Pantón; Santa María de Taboada dos Freires; Santa María de Cambre; San Paio de Diomondi do Saviñao; San Salvador de Escuadro e San Lourenzo de Carboeiro de Silleda; a catedral de Lugo e San Salvador de Vilar de Donas de Palas de Rei.zTamén farán un percorrido polos tímpanos de San Xoán de Caaveiro da Capela; Santa María de Aciveiro de Forcarei; San Martiño de Mondoñedo de Foz; catedral de Tui; Santa Cristina de Ribas de Sil de Parada de Sil; catedral de Ourense; Santa María de Zos de Trasmirás; Santa María de Tomiño; San Xoán da Cova de Carballedo; San Xiao de Lobios de Sober; Santa María Salomé, San Fiz de Solovio e a catedral de Compostela; San Xulián de Moirame de Muxía e Santiago de Cereixo de Vimianzo.

Estes fascículos céntranse no exterior da igrexa medieval, especialmente na rica escultura monumental

Esta é a viaxe á que chamamos ás leitoras e leitores de Nós Diario nos próximos dous meses, co ánimo de mellor coñecer un patrimonio construído mil anos atrás e que representa o primeiro estilo unitario xurdido en occidente despois da caída do imperio romano, xusto cando comezamos a ser galegas e galegos.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos para non ficares sen este percorrido pola arte medieval.

Comentarios