Rodrigo Romaní volve a Avilés de Taramancos no seu cuarto disco

Desde As arpas de Breogán (2012), Rodrigo Romaní (Noia, 1957) non publicaba disco ao seu nome. Para este cuarto disco volve procurar inspiración na poesía de Avilés de Taramancos -en 2003 gravou Cantos Caucanos- e titula cun verso do poeta: Fíos de ouro no ár.

Rodrigo Romaní, director do festival.
photo_camera Rodrigo Romaní e a súa arpa nunha foto promocional de 'Fíos de ouro no ár'.

Romaní levará o seu cuarto traballo aos palcos en formato trío. Bea Martínez á arpa segunda, Xulia Feixoo á percusión e el mesmo coa arpa, a ocarina, a voz e programacións dan forma a un álbum “concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, de discursos entreverados con alusións a músicas de diversas orixes en que a tradición oral da música popular vertebra un produto inconfundiblemente galego”.

Fíos de ouro no ár sostense sobre as sonoridades da arpa diatónica, ou arpa céltica. “Como no anterior traballo, faise fincapé na combinación de dúas arpas, contrabaixo e percusión”, sinala a nota promocional dunha obra editada por Altafonte. Composicións propias e readaptacións do repertorio tradicional conforman o material dun disco fundamental para o músico, tamén a nivel persoal: en 2013 perdeu un dedo r outro quedoulle inutilizado a consecuencia dun “desafortunado accidente”. “Fíos de ouro no ár quere ser a superación desa fase”, di.

Con este traballo, Romaní tamén pretende “ampliar o repertorio galego para a arpa”. Entendido como continuación de As Arpas de Breogán, nel colaboran o Cuarteto Novecento, Inés Lorenzo ou Guillerme Ignacio, dos desaparecidos Quempallou. Presentouno a pasada sexta feira no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Comentarios