Análise

A neutralidade política da Ribeira Sacra

Xurxo Martínez González é técnico municipal e investigador.
Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín, na comarca de Ourense. (Foto: J. Ossorio Castillo).
photo_camera Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín, na comarca de Ourense. (Foto: J. Ossorio Castillo).

Arredor da cultura todos somos bos e xenerosos. Eis o terreo onde disque quedan fóra as ideoloxías. Velaí un triunfo do fraguismo: converter o seu concepto político de cultura, bañado en conservadorismo, en idea xeral e socialmente aceptada como neutra.

Quen a cuestiona axiña é expulso tras latricadas como non lles vale nada, aquí veñen os do non, rompen consensos de anos... Opinar distinto é enfurruñarse co mundo ou fase do diálogo construtivo, os alicerces mesmos da dialéctica tese-antítese-síntese? Pro seica disentir é crear atrancos innecesarios. Ergo: caladiños coma petos, moreas de vítores e confeti. Senón, es un antitodo.

Un exemplo: queres que a Ribeira Sacra sexa patrimonio da humanidade? Pois non amoles os expertos. Se cuestionas a disparatada proposta precociñada, se expresas a desconformidade co proceso teledirixido dende arriba, ou matizas aspectos do argumento es un antitodo. Veñen coa trécola da participación só para contentar o Icomos, que reprendeu a ausencia veciñal no informe negativo da anterior candidatura. Non teñen outra intención. Velaí o feixe de instancias amoreadas en San Caetano no caixón do "silencio administrativo".

E terán nova vontade chea de boa fe? Pita será, pro ulir... úleme a can. Oxalá, pro se o fan non é por gusto da Xunta nin do xestor da cosmética participativa pois ambos durante meses pasaron olimpicamente, por exemplo, da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. Se realmente mudasen sería pola presión social. Que non insulten a quen traballan arreo pola Ribeira Sacra sen guichar intereses nin pasar factura. Pro o asociacionismo activo, xeneroso, altruísta é antitodo.

Eis o exemplo de intervención política de aparencia neutral. Quen retén o poder decide o que lle peta en beneficio do que lles peta sen ouvir os antitodo malia seren voces vivas dispostas a colaborar nun marco de respecto mutuo, escoita e resposta. Mais eles gustan das figuriñas do belén. A nova proposta da Ribeira Sacra pasa da paisaxe cos mosteiros aos ríos con encoros. Un troco de calado que muda o núcleo argumental; ábrese a posibilidade de que a Unesco esixa un novo expediente e comezar dende cero.

En todo caso, a candidatura presentaríaa o Ministerio ante a Unesco. Poden confirmar que contan co seu aval? Ou acaso buscan un conflito entre Moncloa e San Caetano para botar os cans á bouza, enganar a xente e agochar os erros propios?  Esta é a nai do año: da suposta neutralidade do patrimonio xeran un discurso a favor dun partido, confundindo Xunta con PP. Urxe trasladar a cuestión ao marco do debate: O Hórreo.

Músculo social

A vitoria do PP explícase, en parte, pola sólida estrutura social. A súa presenza en asociacións veciñais, musicais, confrarías, montes... permítelle exercer unha intervención directa, e por tanto máis efectiva, ca calquera campaña publicitaria. Porque o seu voto non se sostén nun rural de imbéciles; o quid é comprender como persoas con intereses socioeconómicos, culturais ou territoriais distintos e incluso contrarios apañan a mesma papeleta.

A masa crítica fronte á xestión da Ribeira Sacra precisa de altofalantes porque non é un problema local ou comarcal

O movemento asociativo revólvese ante o discurso do amén na Riberia Sacra. Puxo o rostro en lugares de doado control político, co que isto significa e todos sabemos. Quen escoita as súas inquedanzas na procura da conexión entre a esfera civil e a política pra proxectar nas institucións as demandas sociais?

Se o PP vai ferrado a ferrado, a alternativa política igual: ferrado a ferrado. O músculo social fórmase acotío e sostense no decorrer do tempo. A masa crítica fronte á xestión da Ribeira Sacra precisa de altofalantes porque non é un problema local ou comarcal; é unha expresión de como comprenden a cultura, o territorio ou as necesidades básicas dos habitantes.

A nova candidatura da Ribeira Sacra ten malas trazas. Vendan o que vendan e conviden a quen conviden. Canto se gastou en reunións como a realizada no mosteiro de Ribas de Sil hai uns meses? Cal é a balanza económica de promoción turística e de servizos públicos de primeira necesidade? Cal o gasto de asesores, publicidade, viaxes, conferencias, comidas, aloxamento, etc. para unha candidatura morta, feita ás costas da veciñanza e obsesionada cun turismo volátil como motor económico dunha zona onde se albisca unha crise do principal sector produtivo: a uva? Alguén debera pedir a conta.

Tras o fracaso da anterior candidatura, o conselleiro pediu no Parlamento o "esforzo de todos" pois o patrimonio é espazo neutral. Ao seu arredor ou somos bos e xenerosos ou antitodo.  Volven coa cantiguiña pro cómpre, como na regueifa, o retruque. A parte social cumpriu, a alternativa parlamentaria debe cumprir.

Comentarios