Contracultura

Nerea Brey: "É unha homenaxe ás mulleres do cotián que foron referentes feministas polo xeito de vivir"

Nerea Brey, actriz e xornalista, vén de ser galardoada co Premio Abrente de Textos Teatrais, organizado pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, pola súa obra Manual de patronaxe na que mestura a creatividade que requiren os labores de costura coa que está presente no oficio da escrita.
Manual de patronaxe é a primeira obra escrita por Nerea Brey. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Manual de patronaxe' é a primeira obra escrita por Nerea Brey. (Foto: Nós Diario)

—Por que se decidiu a escribir Manual de patronaxe, a súa primeira obra?
Combináronse dúas cuestións que para min eran importantes. Por unha parte, levaba tempo querendo escribir en relación ao feminismo, a ocupar espazos que habitualmente non eran tan comúns para as mulleres. A pesar de que sempre me gustou escribir, nunca pensara en ser dramaturga ou directora porque dalgunha maneira eran lugares que eu pensaba que non eran para min. 

Deime de conta de que hai moitísimas actrices, mais non hai tantas directoras; e penso que, alén das complicacións que poida haber para que as mulleres accedamos a estes postos, moitas veces isto é o que ocorre, a ausencia de referentes. Por sorte, cada vez temos máis, pero eu aínda lembro un momento no que mirei o meu estante de libros e a maioría eran de homes. 

Por outra parte, despois do falecemento da miña avoa en 2019, caín na conta de que aínda que na miña familia non tiña referentes de escritoras, ela fora un referente feminista polo seu xeito de vivir. Sempre foi unha muller traballadora e independente e pensei que ambos os temas poderían casar moi ben nunha historia que rendese unha homenaxe a todas esas mulleres da nosa vida cotiá que non foron referentes teóricos, senón que foron referentes, e que aínda o son, polo seu xeito de vivir día a día, que ademais en moitas ocasións contrasta co ideal masculino. 

A miña avoa por exemplo, a pesar de ter esa forza e independencia, non deixaba de lado a sensibilidade ou a comunidade e eu creo que esa é a clave de moitos referentes feministas que tivemos no cotián.

—Como unha forma de rebelarse tamén contra a tendencia a querer imitar sempre o masculino?
Claro, porque eu aínda me teño recoñecido así hoxe en día, tendendo a imitar condutas ou actitudes masculinas para igualarme. E foi algo que ocorreu tamén nos inicios do feminismo, porque parecía que para ter os dereitos que se reclamaban había que ser fortes e independentes, pero deixando de lado todo o demais. 

Nunha sociedade capitalista na que se gaba tanto o individualismo e o triunfo laboral, paréceme interesante como as nosas nais, tías ou avoas traballaban sen deixar de lado os coidados materiais e a atención emocional da familia. E igual iso é do que se trata, permitirnos a fortaleza e a independencia sen rexeitar a sensibilidade, o equipo, a comunidade, o emocional.

—Aí tamén entra a cuestión da busca da identidade da que fala na obra.
Para min, ver a miña avoa coa súa habitación propia, como diría Virginia Woolf, que era a súa sala de costura, o seu despacho, foi moi importante. Ela quedou viúva moi nova e tivo que sacar adiante os meus tíos e a miña nai, como fixeron moitas outras mulleres na mesma situación, e para min isto funcionou como referente no sentido de entender que eu tamén podía asumir un papel máis creativo dentro do teatro. 

Con isto non quero dicir que ser actriz non sexa creativo, porque evidentemente o é, mais normalmente tes unha dirección que vai dando as pautas. Sendo dramaturga a toma de decisións, dentro de que hai un equipo co que compartir, depende de ti. E isto foi no que me fixei na miña avoa: con quen consultaba ela as decisións, como se desenvolvía na vida e no seu traballo... De aí tamén o título de Manual de patronaxe, porque ela foi para min como un patrón pola actitude que adoptou ante a vida, por perder o medo a equivocarse, algo fundamental no teatro e para moitos traballos. 

Tamén me axudou a algo fundamental: permitirme certa ambición, que nas mulleres está penalizada ou mal vista, mais sen cegarme coa idea do éxito e do triunfo laboral. Con isto, sempre quedo con esa idea súa de que se algo sae ben, estupendo, mais se non sae, segues a ser unha persoa magnífica igualmente.  

Comentarios