Os museos de Lugo ofrecen visitas virtuais en 3D

A rede provincial pertencente á Deputación anuncia a adaptación ás condicións restritivas causadas polo coronavirus. Así terá alternativas quer para as crianzas, quer para as persoas máis maiores.
Aurelia Balseiro, Maite Ferreiro e Encarna Lago na presentación das actividades. Nós Diario, museos deputación
photo_camera Aurelia Balseiro, Maite Ferreiro e Encarna Lago na presentación das actividades. (Foto: Nós Diario)

A rede de museos provinciais de Lugo aposta na arte en tempos de pandemia grazas a unha programación de novembro adaptada as restricións sanitarias. Aurelia Balseiro, Maite Ferreiro e Encarna Lago presentaron esta cuarta feira unha axenda que decorre xunto ás novas tecnoloxías e os recursos dispoñíbeis a través da internet. Por iso o vindeiro día 16 empezará a funcionar unha plataforma con propostas artísticas, tamén destinadas ao profesorado que non pode levar ás crianzas de excursión como noutros cursos. 

O obxectivo de repensar o sistema é poder “continuar coa labor expositiva e divulgativa” dos catro museos provinciais: o museo de Lugo, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla (Friol) e o Pazo de Tor (Monforte). 

A xerente da Rede, Encarna Lago, explicou esta cuarta feira na rolda de prensa para dar a coñecer a plataforma multicanle, que non van ofrecer só “percorridos virtuais ao uso, senón visitas temáticas, deseñadas e guiadas polo persoal que acompaña ás persoas usuarias nesa experiencia inmersiva”. Vivirase así a partir do día 16 de novembro, data na que coincide co Día do Patrimonio Mundial e Natural, grazas a un intenso traballo para captar vistas en 3D cun “escáner de última xeración”. 

Esta oferta é unha das máis novidosas porque o público vai estar preto dos fondos e exposicións, mais tamén haberá actividades didácticas pensadas para facer nas aulas.

Solucións para evitar a fenda dixital

Como complemento á estratexia dixital da Deputación para promocionar os seus museos, tamén está previsto fornecer visitas “audiodescritivas a través de chamadas telefónicas, unha alternativa pensada para as persoas que non manexan a internet”. 

Lago ideou este sistema pensando nas usuarias de residencias e centros de maiores e tamén para asociacións que agrupan a xente maior. 

Pola súa parte, a vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, destacou “a capacidade do persoal dos museos para adaptarse á situación sanitaria na que nos atopamos e seguir ofrecendo contidos interesantes" para todo tipo de públicos, quer crianzas, quer maiores. 

Comentarios