domingo 19.01.2020

O Museo de Lugo acolle unha mostra retrospectiva de Caxigueiro

Daniel Río Rubal “Caxigueiro”(Mondoñedo,1955) volve a Lugo  cando se cumpren, practicamente, corenta anos da súa primeira exposición na cidade. A sala de exposicións do Museo Provincial de Lugo acollerá, entre o 19 de decembro de 2019 e o 25 de febreiro de 2020, unha mostra , organizada Rede Museística, dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, onde se repasa o traballo do artista mariñán nos últimos quince anos.

Foto caxigueiro
Foto caxigueiro

A métrica do ilusionismo é o titulo da proposta creativa coa que Caxigueiro desembarca en Lugo. O artista mariñán, en declaracións a Sermos Galiza, non dubida en cualificala como “un exercicio de introspección, pero tamén un striptease. Series como “O noso mar”, “Os ollos das palabras”, “O espazo raptado”, “Silencios habitables”,etcétera, son unha ollada persoal que tamén explica procesos colectivos, pois o mundo empeza e acaba onde pousamos a ollada”.

A mostra resume a perfección as mudanzas que se foron dando na traxectoria artística de Caxigueiro. A introdución de novas disciplinas, como a fotografía e a poesía, acompañando á escultura e a instalacións, onde tradicionalmente se moveu o criador, e a necesidade de deixar aflorar as necesidades estéticas e conceptuais de cada momento, non agocha as preocupacións e intencións do artista. Segundo o propio Caxigueiro “seguen presentes as mesmas teimas: o interese por narrar, a seriación ou o social”.

Esculturas e instalacións, o comezo de todo

A escultura e as instalación son o campo onde mellor se move Caxigueiro. Malia que estas dúas disciplinas foran deixando paso no seu proceso creativo á fotografía e á poesía, enriquecendo e ampliando a contorna que ían marcando a escultura e a instalación, o artista mariñán non dubida en afirmar que “nestes campos, é onde me resulta máis doado resolver os problemas propios da produción artística.Tamén, entre todas as artes, é con estas coas que podo establecer un diálogo máis fluído e profundo”.

Nesta mostra seguen presentes as motivacións de sempre do artista, o interese por narrar, a seriación ou o social.

As instalación e a escultura permítenlle a Caxigueiro  “manipular ou articular a materia, alterar o espazo arquitectónico, subverter os marcos e procurar estruturas mentais que nos acheguen ao teatro”. As pegadas dos obradoiros de cerámica popular do Mondoñedo da súa infancia, onde se familiarizou coa arxila e o volume, e a influencia dos encontros cerámicos organizados en Sargadelos na segunda metade dos setenta foron o punto de partida para unha traxectoria, onde segundo as súas propias palabras, a escultura  e as instalacións son “a terapia perfecta para poñerlle rostro a moitas das preocupacións e medos que aínda me acompañan, pero tamén para afirmar o meu compromiso coa utopía social tan perseguida por moitos artistas que me precederon”.

A fotografía, unha achega imperdíbel

A incorporación da fotografía á produción artística de Caxigueiro remóntase a comezos da década dos noventa, porén estas non acadan unha presenza notábel até os últimosanos. As diferenzas entre as imaxes empregadas nunha primeira etapa, por exemplo as utilizadas na mostra “Saír- modificar” (1992), e as actuais, como as das exposicións colectivas “Fóra de campo”(Outono Fotográfico ,2014), “Camiño de Volta”(Casa da Parra, Compostela,2016), son evidentes, malia manter “o proceso, o xogo ou o azar, xunto co arquivo da memoria visual, na orixe das propostas”.

Caxigueiro, non dubida en sinalar a Sermos Galiza, que “as imaxes parten de “montaxes” efémeras cun marcado carácter escultórico que se aproveitan da manipulación da escala e nútrense fundamentalmente de elementos que proceden da natureza, da produción industrial ou ocasionalmente de obxectos atopados. As interferencias co teatro, o cine ou a arquitectura son inequívocas, así como a influencia do surrealismo, antes practicamente imperceptible”.

A poesía, mais sempre estivo aí

A poesía nunca foi allea á arte nin á vida de Caxigueiro. Como el mesmo nos lembra, “ o primeiro responsábel foi Curros Enríquez, quedei abraiado ao ver como transmitía moitas das miñas preocupacións dun xeito tan sublime. Desa experiencia xuvenil nace o pracer por explorar as posibilidades creativas da linguaxe que, por outra parte, na súa xénese, non está tan lonxe doutras disciplinas como pode parecer”.

O propio artista recoñece como o libro Construcións, de Eduardo Estévez e  Mientras tanto dáme la mano, de Kirmen Uribe, teñen moito que ver con esta exposición pública, onde a poesía é empregada para “acomodar e inspeccionar as parcelas máis reservadas que doutro xeito terían certa dificultade para mostrarse”.

comentarios