DEBULLAMOS OS CATRO MUSEOS

A Fondo: Rede Museística de Lugo, un exemplo alén do país

No A Fondo desta semana visitamos os catro museos que forman parte da Rede Museística de Lugo –constituída polo Museo Provincial de Lugo, San Paio de Narla, Museo do Mar e Pazo de Tor-. Xestionada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Rede ofrécenos unha ollada diferente sobre os museos. Á venda nos quiosques e na loxa.

REDE MUSEISTICA

O monográfico abre cunha colaboración de Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, na que recolle opinións de artistas, comisarios e outros axentes sociais e culturais arredor dos catro museos, para pasar a abordar a continuación cada un dos centros.

Na peza “Museo Provincial de Lugo: 10 obras senlleiras”, Aurelia Balseiro, museóloga e directora deste centro, converte as dez obras máis recoñecidas nun decálogo de motivos para coñecer este museo. Así, recolle o Torques de Burela, a Estela de Crecente, a Tabula hospitalis, O Cruceiro (Castelao), A Escola de Doloriñas (Xulia Minguillón), A guía postal de Lugo (Maruxa Mallo), A Ofrenda a San Ramón (Francisco Asorei), o Bargueño, o Reloxo de sol e o Xerro de Gundivós.

“Museo do Mar, o máis accesíbel de Galiza” é o título da colaboración de Ángeles Miguélez Martínez, a vixiante guía deste centro. Explica que se acometeron reformas no centro que o fan accesíbel a todos e a todas, comezando por ela mesma, unha persoa cega total. Aliás, dá conta dos elementos que forman parte das distintas salas do museo, sobre naufraxios, os oficios do mar, a carpintaría de ribeira, a vida mariña ou até o pasado baleeiro do noso país.

Francisca Abuín, vixiante guía en San Paio de Narla, describe todo o que nos podemos atopar nesta fortaleza-museo, desde a agricultura aos oficios tradicionais, armas, elementos arquitectónicos e decorativos. Salienta a cantidade de actividades que se organizan no centro, pois San Paio de Narla avoga pola pedagoxía museística partícipe e desenvolve unha ampla programación didáctica ao longo do ano.

“Mil e unha razóns para visitar o Pazo de Tor” é a peza que escribe Tar López, vixiante guía deste centro, un pazo que supón unha fiel representación dos modos de vida dos señores e caseiros dos séculos XIX e XX. Trátase dunha das máis importantes mostras da arquitectura pacega do país que permite observar mobiliario orixinal e coleccións artísticas.

Fecha o A Fondo Xosé Ferreiro, delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, quen presenta a Rede Museística como centros de cultura para facer país. Tamén avanza que o departamento que xestiona traballa nun ambicioso proxecto “Engánchate á cultura, engánchate ao País” para que os centros educativos poidan visitar estes catro museos. “Achegar a cultura a todas as persoas, especialmente ás crianzas, é un obxectivo irrenunciábel e sabemos que é un dos camiños máis seguros para ir construíndo o país que queremos e necesitamos”, afirma.

[Este A FONDO está á venda, xunto co semanario, nos quioscos e na loxa]

Comentarios