O Museo de Lugo presenta a estela restaurada de Cerecivs, unha peza da época romana

Tras a descuberta da peza, desenvolveuse unha mesa redonda coa participación de Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, Enrique Alcorta, arqueólogo do Museo Provincial de Lugo e Marta Díaz, restauradora da peza, na cal se explicou o proceso de restauración da estela e a súa importancia no contexto da epigrafía romana.
A estela funeraria restaurada de Cerecivs (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera A estela funeraria restaurada de Cerecivs (Foto: Deputación de Lugo).

Esta terza feira presentouse no Museo Provincial de Lugo a estela funeraria restaurada de Cerecivs. A peza, reconstruída a partir dos fragmentos achados en 1998 durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana, exponse na Sala dos Mosaicos, xunto con outras mostras da epigrafía romana de Lucus Augusti.

Tras a descuberta da peza, desenvolveuse unha mesa redonda coa participación de Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, Enrique Alcorta, arqueólogo do Museo Provincial de Lugo e Marta Díaz, restauradora da peza, na cal se explicou o proceso de restauración da estela e a súa importancia no contexto da epigrafía romana.

Estela funeraria

Un dos fenómenos máis destacados da epigrafía romana de Lucus Augusti é a aparición dun elevado número de epígrafes reutilizados como elementos de recheo no núcleo da muralla romana, motivada, polo menos, por tres razóns: a súa construción tiña precedencia sobre o núcleo urbano nun momento de inestabilidade política e económica; a súa contorna inclúe novos sectores urbanos e, polo tanto, engloba zonas construídas residenciais, ámbitos laborais (incluídos obradoiros oleiros) e funerarios (necrópoles) dispostos na periferia urbana; e, finalmente,  pola economía de traballo na cal interesa o aproveitamento de todo material susceptíbel de formar o recheo da muralla nos devanditos ámbitos afectados pola construción muraria.

Deste modo, a muralla convértese nunha singular “canteira” epigráfica, con mostras unhas veces incluídas nos paramentos á vista e outras como parte do recheo.

Un bo exemplo diso son os achados realizados, en 1998, durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana de Lugo entre os cubos 54 a 60, 61 e 62 no flanco sueste do seu perímetro.

Comentarios