O Museo do Pobo Galego busca 500 soci@s

O Museo do Pobo Galego botou a andar unha campaña de captación de socios e socias co fin de reforzalo “como institución de toda a sociedade galega e como referente dos elementos de identidade que nos definen como pobo”. O reto está en sumar 500 nov@s soci@s antes de fin de 2014. 

“Na actual situación de crise social e económica, onde as institucións culturais son vítimas dos recortes provocados por unha visión da cultura como algo secundario, é preciso reforzar o museo como institución de toda a sociedade galega”, sinalan para convidar a se asociar á institución con sede en San Domingos de Bonaval, en Compostela. 

Buscan, desta maneira, incrementar a participación social no Museo, coas cotas que contribúen ao seu mantemento económico e tamén inserindo con maior forza na sociedade galega na procura dun incremento da súa “pluralidade, independencia e fortaleza”. 

A Xunta Reitora xunto con representantes de socios e socias aprobaron iniciar esta nova campaña de captación que ten como reto conseguir un mínimo de 500 máis até final de ano “coa finalidade de dar a coñecer o labor que se leva a cabo no museo, fomentar a participación nas actividades do museo e conseguir novos fondos que permitan manter a institución”.


No cartel destácase que somos 1..429.316 galegas e 1.334.183 galegos cun Museo ao que apoiar. As cotas mínimas son unha mensual de 5 euros, trimestral de 10, semestral de 15 ou anual de 30. Ao ser institución de interese público, as cotas dedúcense na declaración do IRPF ou na do imposto de Sociedades.

Comentarios