Emotiva homenaxe a Manuel Lourenzo, o patriarca do teatro galego

Sete volumes de  case oitocentas páxinas cada un: a obra dramática de Manuel Lourenzo é tan formidábel como a súa influencia sobre o teatro galego das últimas décadas. Unha  figura patriarcal que inspira respecto e afecto a partes iguais, e que onte  foi homenaxeado  no Teatro Principal de Santiago.
O dramaturgo Manuel Lourenzo na homenaxe de onte no Salón Teatro en Santiago. (Foto: Arxina),
photo_camera O dramaturgo Manuel Lourenzo na homenaxe de onte no Salón Teatro en Santiago. (Foto: Arxina),

Poucas persoas na cultura galega son quen de aglutinar maior consenso sobre a importancia da súa obra: Manuel Lourenzo é autor dramático, mais tamén director, actor, produtor, docente, editor, activista... A súa biografía esta intimamente ligada á historia do teatro galego, do que segue a ser o seu maior expoñente: un pioneiro que estivo presente en todas as loitas por dignificar o teatro da Galiza e que segue en activo, escribindo e poñendo en escena obras que, talez sen el, nunca chegarían aos escenarios. A Federación Galiza Cultura rendeulle onte unha homenaxe no Salón Teatro de Compostela para lle facer xustiza a unha figura indispensábel da escena e, en xeral, da cultura do país. 

O acto, no que participaron outros vultos do noso teatro como Quico Cadaval ou Susana Dans, serviu ademais para presentar oficialmente a obra completa do dramaturgo, un formidábel proxecto editorial composto por sete tomos dunhas oitocentas páxinas cada un, recentemente publicada por Galiza Cultura e na que se inclúen varias pezas até o de agora inéditas.

Desde a Federación Galiza Cultura -que engloba asociacións culturais de todo o país- apuntan a que “estamos abordando grandes proxectos como este que as asociacións locais non teñen medios para levar a cabo por si soas. No caso de Manuel Lourenzo, a súa traxectoria e a súa obra xustifican por si mesmas a edición e a homenaxe, pero ademais subliña o papel do teatro na cultura, un xénero que non goza do apoio nin da visibilidade social que merece”.

Unha vida ligada ao teatro

Lourenzo estivo ligado ás artes escénicas desde pequeno, “a primeira vez que lembro estar enriba dun escenario foi con cinco anos, cantando na zarzuela El rey que rabió”, relata en conversa con Nós Diario. “Son moitos anos, mais estes recoñecementos sempre os recibo cunha mestura de pudor e de orgullo, e sobre todo cun gran agradecemento. Ás veces sinto como se estas cousas se fixesen non por min, senón por algún compañeiro da profesión. En todo caso, sei que hai un gran número de persoas que están implicadas neste tipo de actos e que deben servir para recordar de onde vimos. Emocióname moito por todo o que significa para min o teatro, algo que implica a toda a sociedade, mesmo aos que non participan deste recoñecemento".

Lourenzo lembra na conversa os seus anos en Alemaña, onde coñeceu o novo teatro que se xestaba en Europa. Á volta daquela estancia, fundou na Coruña, en 1965, o grupo de Teatro O Facho, que segundo varios estudosos, marca o inicio do teatro independente galego. A partir de aí, a súa traxectoria mestúrase coa do teatro galego: o Teatro Circo, as Mostras de Teatro Abrente, as loitas por profesionalizar un teatro que aínda se movía nuns parámetros amadores... 

"Foron anos en que vin a dignidade con que se trataba ao teatro nun país que o converteu nun dos piares da súa identidade nacional, onde cada cidade medianamente importante ten cando menos unha compañía e un teatro que ofrece obras dunha calidade envexábel, e nas que o teatro serve para debater sobre os problemas que afectan á sociedade", di.

Recoñecer que o teatro é o vehículo a través do que se destilan moitas das mellores obras do país enche de emoción ao dramaturgo, cuxo traballo influenciou, dunha maneira ou doutra, a case todos os autores e autoras que viñeron logo. "Temos autores e autoras que son moi serios, que observan e critican con dureza os vicios dunha sociedade que crea moito sufrimento e que non dá atopado a súa identidade", di.

Temos autores e autoras que son moi serios, que observan e critican con dureza os vicios dunha sociedade que crea moito sufrimento e que non dá atopado a súa identidade

 Quen todo o mundo considera o patriarca do teatro galego, confesa que escribir lle gusta moito pero que "o que sempre me gustou mais foi levar as obras á escena, facer que as persoas se atopen a si mesmas representando unha personaxe". Porén, as Obras Completas enchen máis de cinco mil páxinas.

"A verdade é que apareceron obras das que eu non lembraba nin o título. Algunhas pezas estaban moi influenciadas polas obras dramáticas de Xohana Torres, que logrou crear un estilo no que podía falar da ditadura dunha forma case hermética que esquivaba a censura dun modo moi elegante, sen ocultar de todo os temas que trataba". 

Aos quince anos, Lourenzo xa escribira varias pezas teatrais,"algunhas rompínas, outras quedou a policía con elas. Xa a partir da década de 1960 creo que recuperei practicamente todo".

Despois de toda unha vida dedicada ao teatro e a dignificar a profesión na Galiza, Lourenzo confesa que non foi un camiño fácil. "Eu tiña unha teoría: Galiza ten unha organización comarcal e eu pensaba que encada unha delas debía existir polo menos unha compañía que dinamizase o territorio.

Ese sería un comezo brillante, mais as cousas foron por outro camiño. En moitos casos, e dígoo con tristeza, vin xente que se comprometera co desenvolvemento do teatro galego e que rematou exclusivamente pendente das subvencións. Mais tamén é certo que rebordamos talento, que hai autores e autoras que non teñen nada que envexarlle aos grandes vultos internacionais. Nese sentido, debemos sentirnos moi orgullosos". 

Historia viva do teatro galego

A biografía de Manuel Lourenzo mestúrase coa historia do teatro galego: o Teatro Circo, as Mostras de Teatro Abrente, as loitas por profesionalizar un teatro que aínda se movía nuns parámetros amadores...  Fundou con Francisco Pillado Mayor a Escola Dramática Galega, que, ademais, editaba os Cadernos da Escola Dramática Galega, unha colección imprescindíbel para a recuperación da historia do noso teatro.

Tamén en colaboración con Pillado Mayor escribiu O teatro galego, un estudo pioneiro que continúa a ser unha referencia. Na década de 1980. Lourenzo crea a Compañía Teatral Luís Seoane e o Clube de Teatro Elsinor. Na de 1990, crea a escola teatral Casahamlet  -que segue en activo actualmente- e a revista teatral do mesmo nome.

Comentarios