Premio de Honra da MIT de Ribadavia para "Tatán"

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recoñece co seu máximo galardón a traxectoria de Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como “Tatán”. Fundador de Tanxarina Títeres, lembra que o homenaxeado "é algo máis que un titiriteiro".
Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como “Tatán” (Foto: Nós Diario).
photo_camera Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como “Tatán” (Foto: Nós Diario).

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia anunciou esta sexta feira a través dun comunicado que concederán o Premio de Honra Vidal Bolaño 2022 a Eduardo Rodríguez Cunha, máis coñecido como “Tatán”, fundador dunha das compañías de referencia dos títeres da Galiza: Tanxarina. A entrega do galardón terá lugar o día da inauguración da 38º MIT, o 15 de xullo. 

"A Redondela natal de Tatán conmemorou este 2022 os 40 anos de Tanxarina Títeres e desde Ribadavia queremos sumarnos á familia dos monicreques e do teatro de obxectos de Galiza para celebralo tamén o Premio de Honra da MIT 2022", explican.

A organización da Mostra lembra que "con Kukas, Cachirulo ou Viravolta, Tanxarina construíu a partir dos anos 80 unha gran tradición e público afeccionado á arte dos obxectos animados, tanto a través de creacións propias, na organización de festivais coma na divulgación dun oficio entre o artesanal e o experimental". 

Desde Ribadavia sinalan que Tatán "é máis ca ese prestixioso titiriteiro que acabou en Barcelona no taller do mestre Harry Tozer por circunstancias do destino e por inquedanza artística e formativa" polo que é "teatreiro de vocación, xa desde a Compostela da súa época universitaria nas aulas de Dereito".

Lembran que é “músico, actor de cine, activista nun sentido estrito da palabra, activista da arte e da cultura do país” ademais de “defensor da lingua, do traballo da xente nova”.

Un galardón que comezou con Roberto Vidal Bolaño

A historia deste galardón comezou hai 22 anos co recoñecemento ao dramaturgo do que colleu o nome: Roberto Vidal Bolaño.

Recibírono, desde aquela, Manuel Lourenzo, Ernesto Chao e Rosa Álvarez, o Colectivo Burla Negra, Dolores Vilavedra e Inma López Silva, Sarabela Teatro, Isaac Díaz Pardo, Xúlio Lago, Asociación de Actores e Actrices da Galiza, o Centro Dramático Galego, Ana Vallés e Baltasar Patiño, Chévere Teatro, Francisco Pillado Mayor, a Revista Galega de Teatro e Diario Cultural (Radio Galega), Cándido Pazó, Escena Galega, Mabel Rivera e Belén Constenla, PT Excéntricas, Suso Montero e Carlos Alonso, Pistacatro, Marta Pazos, Laura Tato e Manuel F. Vieites.

Comentarios