Obituario

Morre o actor Richard Franklin, coñecido por 'Doctor Who' e 'Star Wars', aos 87 anos

O intérprete levaba un longo tempo loitando contra unha enfermidade da que a súa familia non deu moitos detalles e finalmente faleceu este día de Nadal.
O actor Richard Franklin encarnando o capitán Mike Yates na popular serie 'Doctor Who'. (Foto: BBC)
photo_camera O actor Richard Franklin encarnando o capitán Mike Yates na popular serie 'Doctor Who'. (Foto: BBC)

Richard Franklin (15 de xaneiro de 1936 - 25 de decembro de 2023), actor e director británico coñecido pola súa participación na popular serie de televisión Doctor Who, na que encarnaba o capitán Mike Yates, e mais na saga Star Wars, faleceu esta segunda feira, día de Nadal. O intérprete levaba un longo tempo loitando contra unha enfermidade da que non transcenderon demasiados detalles e finalmente morreu aos 87 anos.

Liam Rudden, amigo de Franklin e a persoa que lle xestionaba as redes sociais, confirmou a noticia a través dun comunicado compartido pola familia. "Richard lamentabelmente morreu mentres durmía despois de loitar contra unha longa enfermidade. Estamos profundamente entristecidos pola súa perda, lembrarémolo con agarimo pola súa xenerosidade, espírito creativo e fantástica capacidade para contar historias", comeza o escrito.

"Tamén será moi lembrado fóra da familia pola súa longa carreira en televisión e teatro, onde deleitou o público de todas as idades. Isto proporcionáballe gran alegría e sabemos que o seu legado perdurará", sentencia o comunicado. "Con gran tristura, a familia de Richard Franklin pediume que comparta a noticia do seu falecemento esta mañá cedo. Richard morreu en paz mentres durmía. Os detalles do funeral compartiranse aquí cando se anuncien. Descansa, Richard", homenaxeaba hoxe ao seu amigo.

Franklin desenvolveu boa parte da súa carreira no teatro. Pero á marxe dos escenarios, tamén tivo numerosos traballos no cinema e, sobre todo, a televisión. Debutou en 1966 cun episodio da serie Dixon of Dock Green. Posteriormente, tivo aparicións puntuais en series como Os Borgia (1981) ou Os sete de Blake.

Con todo, o seu papel máis destacado chegou co aclamada Doctor Who. Franklin apareceu na etapa clásica como o capitán Mike Yates durante a encarnación de Jon Pertwee do Doutor. En total, participou en 42 episodios, ademais de noutros dous no especial de 1993 Dimensions in Time. No cinema o seu filme máis relevante foi Rogue One: Unha historia de Star Wars (2016), onde deu vida ao enxeñeiro espacial Sirro Argonne.

Comentarios