Crítica de cinema das sextas feiras

Rogue One: unha historia de Star Wars

rogueone1
photo_camera rogueone1

Para situarnos, Rogue One acontece uns anos antes do Episodio IV (cronoloxicamente  o cuarto episodio pero o primeiro en rodarse, lembremos), e sae directamente do discurso que da Mon Mothma, ex-senadora e líder da Alianza Rebelde, pouco antes de atacar a Estrela da Morte cando di aquilo de: “moitos morreron para traer esta información”. É dicir, que moitos morreron por traer os planos da Estrela da Morte.

Pois diso vai este spin-off: daqueles heroes rebeldes que acadaron os planos e que será (foi) o mcguffin principal da trama da Guerra das Galaxias. Episodio IV: Unha nova esperanza. Desde que se anunciou o proxecto de Rogue One foron caendo pingas de información a contagotas que eran recibidas con grande interese por toda unha recua de fans ansiosos. Tras publicar o trailer a expectación era máxima, todo o mundo quedou coa boca aberta: saían os míticos X-Wing, os AT-AT, batallas épicas, grandes actores, Darth Vader... e todo envolto nun aura visual que apuntaba a que todo ía a ser coma “nos vellos tempos”.

E de feito así é... Rogue One non escatima en auto-referencias á saga, lugares comúns, escenarios reais (non por ordenador), maquetas das naves “de toda a vida” (xunto a outras novas), cameos en segundo plano e tamén algunha que outra sorpresa reservada que, supostamente, ía volver toliños aos fans... ou iso pensaron eles. Resulta que alguén tivo a “brillante” idea de que ía ser a hostia que certas personaxes da saga apareceran tamén en Rogue One. Con Mon Mothma non houbo problema, contratouse a unha actriz que se parecera á orixinal e vía, mais con outros, que estaban mortos ou non tiñan a idade apropiada, decidiuse optar polos últimos avances na tecnoloxía CGI motion-capture. Impresionante, moi impresionante... Un acabado abraiante. Semellan reais... e xusto aí está o problema... que “semellan”.

O motion-capture funciona moi ben con personaxes fantásticas ou grotescas, mais con personaxes reais aínda lle falta un punto: a mirada. Aínda non conseguiron un brillo de ollos realista, o cal canta e crea unha sensación contraditoria de “si, pero non” que acaba por sacarnos da historia, é dicir, perdemos o fío, saímos do cinema. Que necesidade había entón para facer isto? Non atopo ningunha máis aló da que deberon querer demostrar os avances nesta tecnoloxía, porque realmente á trama aporta ben pouco. Se prescindiran deles, ou simplemente insinuaran con sombras ou detalles, non só gañaría o conxunto, senón que incluso podería contar cun deses finais memorables para a posteridade, en lugar do WTF (que carallo!) que produce antes dos títulos de crédito. Con rematar 10 segundos antes... só 10, non pedía máis... pero non... tiveron que cagala.

Tampouco acertaron moito co tempo que lle dedican a certas personaxes secundarias, sobre todo con Saw Gerrera (Forest Whitaker), que podería chegar a ser unha personaxe mítica na saga e queda en apenas unha caricatura. Varias criaturas que loitan cos rebeldes tamén parece que só pasaban por alí. Caso aparte é o de Chirrut Imwe, unha sorte de Zatoichi da Forza interpretado pola estrela hongkonesa Donnie Yen (Ip Man, Hero); destaca por riba de todos pero vai perdendo fol a medida que avanza o filme. Supoño que a idea da Disney, que non é parva, era simplemente asegúrase a cota de pantalla en China e Hong Kong porque a personaxe merecía moito máis. Tampouco presentan ben a Estrela da Morte, aínda que si dan todo con Darth Vader. Xenial o suspense creado a pesar que coñecemos de sobra á personaxe.

Poucas pegas tamén a Felicity Jones, que encarna a unha digna heroína; a Diego Luna, no rol canalla; Ben Mendelsohn, un dos malos; ou Mads Mikkelsen, o mellor de todos sen lugar a dúbidas. Aínda que hai partes en que se escoitan os míticos acordes de Star Wars, na batuta anda Michael Giacchino, habitual en toda a filmografía de J.J. Abrams, e semella que digno sucesor de John Williams no que queda de saga Lucasfilm-Disney que, se as previsións o permiten, haberá abondo se sumamos “spin-offs” máis os “episodios” que faltan que se irán alternando entre o verán e decembro de cada ano. En fin, Rogue One conectoume directamente con aqueloutro spin-off dos anos 80 titulado A aventura dos Ewoks. Daquela lembro que trataron de nos atracar uns malotes antes de entrar no desaparecido Cine Coruña (rúa da Galera), mais a forza estaba con nós (máis ben co meu irmán) e puidemos repelelos; desta volta tamén semella que nos quixeran sacar os cartos, e é que Rogue One apuntaba maneiras para ser un dos grandes títulos a ter en conta na saga Star Wars mais queda nun filme de consumo rápido, montaxe precipitada e cun clímax moi mellorábel. Sóbranlle 10 segundos ao final pero fáltanlle uns quince minutos para desenrolar, como se merecen, as personaxes secundarias.

Con todo, hai que recoñecer que Rogue One encaixa á perfección, e sen fisuras, dentro do universo Star Wars e é unha auténtica montaña rusa de acción épica perfectamente desfrutábel... sempre que non sexamos moi exixentes, claro.

Rogue One: A Star Wars Story

(EUA 2016, 133 min.)

Dirección: Gareth Edwards

Guión: Chris Weitz e Tony Gilroy

Fotografía: Greig Fraser

Música: Michael Giacchino

Elenco: Felicity Jones, Mads Mikkelsen, Diego Luna, Donnie Yen, Ben Mendelsohn, Forest Whitaker, Riz Ahmed, Genevieve O’Reilly, Valene Kane, Jimmy Smits, Jonathan Aris, Wen Jiang, Alan Tudyk, Warwick Davis, James Earl Jones

Comentarios