Momboi: "Experimentamos cos ritmos e texturas, a mestura é o noso sinal de identidade"

Momboi vén de estrear o seu primeiro LP, Vacacións en Ornanda, un traballo moi persoal que trae a memoria estética do desaparecido Hostal Azteca da praia de Ornanda, en Porto do Son, e a explotación da costa da Galiza dos anos 90. Nós Diario conversa con Brais Sánchez, voz, guitarra e letrista de Momboi, unha formaciónque completan Daniel García 'Carba' (baixo e voces), André Garabato (teclado e sintetizadores) e Beny Mayo (batería). 

Brais Sánchez, de pé á dereita, co resto da banda na praia de Ornanda, en Porto do Son (Foto: Morde).
photo_camera Brais Sánchez, de pé á dereita, co resto da banda na praia de Ornanda, en Porto do Son (Foto: Morde).

De onde lle vén á banda ese son tan particular de mestura de folk-rock, ritmos latinos e tradición galega?

O noso son é froito principalmente de escoitar moita variedade musical. O que facemos con esas influencias é tratar de externalizalas experimentando cos ritmos e coas texturas, tratando de evocar todo o que nos transmite. 

Momboi non somos un grupo que queira tocar un estilo determinado. Admiramos a xente que o fai e gústanos, pero o noso é diferente. Queremos que esta mestura sexa o noso sinal de identidade. 

O voso primeiro LP remite a unhas vacacións. Que viaxe singular transcorre agora entre as pezas deste traballo?

O disco ten unha parte autobiográfica e outra que non. De pequeno pasei varios veráns no Hostal Azteca cos meus pais e a miña irmá. O curioso é que nós somos de Noia e o Hostal estaba a apenas 8 quilómetros da casa. Eran unhas vacacións para facer o mesmo mais pegadiños á praia. Por iso esta parte nostálxica é tamén bastante irónica. 

Nos directos sempre facemos bromas co Hostal e con ese tipo de turismo, moi estendido por toda a costa na década dos anos 90, incluso antes. E é tamén unha maneira de rir de nós mesmos. De aquí tomamos a estética do disco: as imaxes, os traxes, o grupo xogando ás cartas. Hai unha poética ao redor de todo aquilo que inspirou o traballo visual que levaron a cabo Pablo López e Chari Romero, de Morde.

A outra parte do disco ten máis que ver coa natureza e os lugares comúns. Sitios que non cansas de visitar por moi transitados ou moi vistos que os teñas. Sempre haberá algo do mar que te chama, sempre algo do río, do monte. É parte de nós. Esta parte é quizais máis importante no disco porque empapa as letras, que tratan de levarnos a lugares máxicos, imaxinarios e incluso lisérxicos.

Cal é a razón de que se gravaran as cancións tan separadas no tempo e en diferentes estudios de música?

A imposibilidade de facelo antes. Este disco estaba pensado para saír a finais do verán de 2021 mais foi imposíbel por diversas razóns. As cousas levan o seu tempo e ás veces é mellor non apurarse e que todo flúa o mellor posíbel. Os sinxelos de Teresiña e Acacias gravámolos integramente en 'A Ponte dos Concertos', con Tomás Ageitos, e mesturounos Matias Unruh, de Gancho Sanches,  no Grove

Matías fixo un grandísimo traballo, pero a mestura é un momento moi importante e non sempre tiñamos o tempo para desprazarnos, escoitar e decidir e facelo "a distancia" facíase duro. Entón preferimos facelo máis perto da casa, con Ángel Morandeira. Ángel é un gran músico de Noia que agora está centrado na produción musical. Parte da sonoridade das cancións é o resultado de telas gravadas con calma, sen a presión que tes nun estudio grande. Preferimos traballar desta maneira. 

Que significou para o grupo pasar pola final do Concurso Narf que convoca anualmente a Deputación da Coruña?   

Foi un momento moi grande. Estabamos rodeados de bandas e proxectos boísimos e iso significou un impulso para nós. Os premios Narf son un certame importante co nome dun músico aínda máis importante e para a xente que non nos coñece serve como presentación. Ademais de todo o que significa Fran, un referente para quen fusionamos as músicas de raíz coa nosa tradición. Alguén nos dixo unha vez que "Fran estaría sorrindo se vos vise" tocando na Pousada da Galiza Imaxinaria. 

Comentarios