A zona arqueolóxica do Adro Vello será declarada Ben de Interese Cultural

A zona arqueolóxica do Adro Vello será declarada Ben de Interese Cultural (BIC), o que na práctica suporá a protección do sobranceiro xacemento grovense. A necrópole foi tamén protagonista no derradeiro pleno municipal, no que se aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG a respecto do conxunto arqueolóxico.
Restos óseos no xacemento de Adro Vello, no Grove.
photo_camera Restos óseos no xacemento do Adro Vello, no Grove. (Foto: USC)

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou onte o expediente de incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de zona arqueolóxica o Adro Vello, o que supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural da Galiza e, polo tanto, a protección do xacemento arqueolóxico do concello do Grove. 

Concretamente, a declaración como BIC afecta a zona situada no borde da praia do Carreiro, fundamentándose no seu interese científico e cultural, así como na súa importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis sobranceiros da Galiza. 

O xacemento romano de Adro Vello, no Grove, está considerado unha das necrópoles máis importantes do país por ter un longo uso de máis de mil anos de soterramentos.

Un equipo combinado das Universidades de Santiago e Vigo chegou a descubrir en 2017 unha mostra de peixe de 1.700 anos de antigüidade, unha proba máis da importancia do BIC.

Naquela actuación tamén se localizaron os restos óseos de cando menos sete persoas: un bebé acabado de nacer, tres nenos e tres adultos de épocas que van desde o século V ou VI até o XVII.

O xacemento tivo protagonismo no derradeiro pleno grovense

O xacemento foi protagonista da última sesión plenaria do Concello, decorrida o 31 de xaneiro, pois o BNG defendeu unha iniciativa para recuperar a zona arqueolóxica, facendo fincapé na creación dun proxecto de musealización do espazo e da súa contorna.

A iniciativa nacionalista foi apoiada por todos os grupos após unha modificación introducida polo alcalde socialista do Grove, José Cacabelos, para solicitar á Xunta da Galiza a designación da súa representación para facer parte  da Comisión de traballo sobre Adro Vello, a cal foi creada en febreiro de 2021.

Comentarios