O BNG salienta o "compromiso político" de Avilés de Taramancos no 30º cabodano do poeta

Galiza é terra de "raíces firmes" e de "poetas comprometidos", salientou a deputada nacionalista Mercedes Queixas na homenaxe deste sábado en Noia.
373a2c99-0cd0-466b-8ea8-e9568ecce589
photo_camera Ofrenda floral, este sábado en Noia (Foto: Nós Diario)

O BNG puxo en valor o "gran compromiso político" de Antón Avilés de Taramancos con Galiza nunha homenaxe que a formación nacionalista, poetas e escritores lle renderon en Noia, a súa localidade natal, no 30 aniversario do seu falecemento.

O portavoz municipal no Concello de Noia, Ricardo Suárez; o poeta e presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; a xornalista e poeta Ana Romaní; o poeta Manuel Pérez, a escritora e concelleira no concello de Porto do Son, Patricia Torrado Queiruga e a portavoz parlamentaria de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, foron os encargados de pórlle voz este sábado á obra de Avilés de Taramancos.

Queixas sinalou durante a súa intervención que esta homenaxe é "unha celebración de vida" e un recoñecemento "necesario" ao activista social, político e "compañeiro do BNG", ademais de representante do pobo como concelleiro de Cultura na corporación municipal de Noia.

Para a deputada nacionalista, a lectura da súa obra poética tres décadas despois do seu falecemento "mantén a súa vixencia", cunha biografía "sempre comprometida coa vida" e con Galiza.

"Cordón umbilical"

Ademais, manifestou que os versos do poeta de Noia "abren a posibilidade de ler a Galiza como epicentro vital e creativo" e a concibir a lingua galega como "cordón umbilical que a sustenta".

Na súa intervención, Queixas tamén remarcou que Galiza é terra de "raíces firmes" e de "poetas comprometidos". Nese sentido dixo que Antón Avilés de Taramancos era un referente do que sentirse "herdeiros".

O acto de homenaxe ao poeta noiés contou tamén coa participación da Agrupación musical As Lens e unha ofrenda floral ante o busto de Taramancos na Alameda de Noia.

Comentarios