CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Tres anuncios nos arrabaldes", do mellor do ano

anuncios2
photo_camera Un fotograma do filme

Three Billboards Outside Ebbing, Missouri

(EUA 2017, 115 min.)

Dirección e guión: Martin McDonagh

Fotografía: Ben Davis

Música: Carter Burwell

Elenco: Frances McDormand, Sam Rockwell, Woody Harrelson, Lucas Hedges, Peter Dinklange, Caleb Landry Jones, Abbie Cornish, Zeljko Ivanek, Amanda Warren, John Hawkes, Kathryn Newton, Clarke Peters

 

SINOPSE

Tras sete meses desde o asasinato da súa filla sen ningunha pista, Mildred Hayes decide colocar tres controvertidos anuncios nos arrabaldes de Ebbing (Missouri) co fin de dar un toque de atención ás autoridades e así reactivar o caso. O que non espera é que tamén vai poñer a media vila na súa contra.

 

CRÍTICA

O británico, de orixe irlandés, Martin McDonagh iniciouse como dramaturgo aos 16 anos e, paseniño, foi pulindo o seu estilo literario durante anos ata acadar o Tony ao Mellor texto teatral con O home almofada (peza que foi levada aos escenarios do país da man de Tito Asorey e a compañía galega Il Maquinario Teatro). Poucos anos despois McDonagh decide dar o salto ao cinema. Debuta con Agachados en Bruxas (2008), que consegue unha nomeación a Mellor Guión nos Oscar, á que lle segue Sete psicópatas (2012). Dous thrillers, protagonizados por Colin Farrell, que destacaban precisamente por iso... por ter un sólido guión. Con Tres anuncios nos arrabaldessemella lograr a súa ópera cumio ou, cando menos, un dos firmes candidatos a facerse cos maiores galardóns nos Oscar deste ano, premios que non lle son alleos a McDonagh pois xa gañou unha estatuíña dourada pola curta Six Shooter (2004). Vén ademais de acadar catro Globos de Ouro (incluídos os de Mellor Guión e Mellor Filme de Drama) xunto cos de Mellor Guión no Festival de Venecia, o Premio do Público en San Sebastián ou o de Mellor Filme en Toronto, por citar algúns dos máis importantes.

 

Aparte do excelente guión, Tres anuncios nos arrabaldes é un filme que sobresae polos seus actores e actrices. En especial Frances McDormand, que encabeza o elenco no rol de Mildred Hayes, unha nai coraxe que perdeu a súa filla adolescente nun violento asasinato. A policía brilla pola súa ausencia e todo apunta a que será un deses casos que queda no esquecemento da crónica negra sen resolver. Pero Mildred non se dá por vencida e, impulsada polo sentimento de culpa e a dor da perda da súa filla, decide poñer tres anuncios nos arrabaldes da vila, tres anuncios cun texto moi concreto que sinalan directamente ao xefe de policía Willoughby, interpretado por Woody Harrelson. As cousas comezarán a poñerse feas cando o axudante Dixon, un xenial Sam Rockwell encarnando un redneck violento e racista, toma esta aldraxe publicitaria como algo persoal e declara a guerra a Mildred.

 

Tanto McDormand (na categoría de Mellor Actriz) como Harrelson e Rockwell (ambos nas de Mellor Actor de Reparto) estarán na gala dos Oscar para ver se gañan. Non quedan lonxe da excelencia o resto do elenco no que destaca un namorado Peter Dinklage (Xogo de tronos); Caleb Laundry Jones (X-Men: primeira xeración) coma encargado da empresa publicitaria; Lucas Hedges (Manchester á beira do mar) repetindo rol de fillo adolescente; ou o actor fetiche de McDonagh, co que contou desde o debut, Zeljko Ivanek (Argo).

 

Tres anuncios nos arrabaldes foxe constantemente dos convencionalismos e conta cuns milimetrados xiros de guión que nos manteñen atentos durante toda a metraxe. Aínda que resulta bastante orixinal nas formas, e tamén no fondo, tamén hai un inevitábel deixe aos irmáns Coen. De feito, se xogamos ao “suma e sigue” sería: Fargo (1996, Joel Coen) máis Manchester á beira do mar (2016, Kenneth Lonergan) máis Ameaza na sombra (1973, Nicolas Roeg). Comeza coma unha historia que semella unha denuncia sen concesión aos ineptos corpos de seguridade (nun caso con moitos paralelismos ao de Diana Quer) pero pronto pasamos, sen darnos moita conta, a unha trama tenra e sarcástica centrada nos sentimentos, a redención, o perdón e a amizade que fai inesperadas alianzas en prol da xustiza. Sen dúbida, un dos mellores filmes do ano.

Comentarios