Máis

A revolta guímara volve axitar O Brollón

Festa e convivio homenaxean este sábado a afouteza da veciñanza de hai 5 séculos
A Pobra do Brollón vive a festa por todo o alto.
photo_camera A Pobra do Brollón vive a festa por todo o alto.

Contan as narracións que os Condes de Lemos sempre tiveron a teima de ter baixo os seus dominios as terras do que actualmente é a Pobra do Brollón, o que provocaba constantes tensións entre ambas as partes. Os señores de Lemos esixían á poboación da Pobra tributos ilexítimos e obrigaban a veciñanza a realizar traballos agrícolas sen recibir nada en troca. A tensión foi a máis e desembocou en revolta popular, unha contenda na que os veciños e as veciñas opuxeron resistencia, sen medo aos todopoderosos Condes. Dada esa rebeldía e valentía amosada polo pobo, os de Lemos denominarían aos da Pobra como “guímaros”, sinónimo de rudos, testáns e rebeldes.

Máis unha vez, un feito histórico é lembrado e homenaxeado na Galiza cunha festa ou encontro. Neste caso, a Feira Guímara, que este ano fai o seu oitavo aniversario para volver pór A Pobra do Brollón no epicentro das festas imprescindíbeis desta fin de semana.

A veciñanza celebra e conmemora unha revolta contra a inxustiza, e faino con recreacións, música e xantar

"Neste evento queremos unirnos e celebrar en comunidade o espírito guímaro que para nós representa a forza da afouteza e a rebeldía", comentou en máis dunha ocasión o alcalde, o nacionalista Xosé Luís Maceda, ao referirse ao obxectivo desta cita, toda unha referencia na comarca e mesmo noutras zonas do país.

Programa

O foguete de inicio desta VIII feira virá da man do pregón, a partir das 13 horas, que este ano vai ser unha lectura dramatizada a cargo da bailarina e actriz Merche Pérez e do escritor Manuel Ayán. A seguir, hai unha representación escénica a cargo dos nenos e nenas do obradoiro de teatro, que interpretarán O Piñeiro máxico.

Será a quenda despois da representación da Revolta Guímara, coa participación de veciños e das veciñas, unha escenificación daquela rebeldía afouta do medievo que obrigou os Condes de Lemos a renunciar a impor as súas pretensións ante a veciñanza da vila e da comarca.

O programa continúa cunha sesión vermú musicada a cargo dos Ministreles do Burgo. Os ministreles eran un dos nomes que se daba aos músicos profesionais que se destacaron durante os séculos XIII e XIV en Europa, especialmente no sur do continente. Estes eran coñecidos pola súa habilidade para tocar instrumentos de vento e percusión, como o trombón, a trompeta, o clarín, a corneta, o sacabuche, o bombardino e o tambor. A súa música era popular nas cortes e as igrexas, e utilizábase tanto para cerimonias relixiosas como para eventos seculares. 

A Xantar!

A hora do xantar terá de todo, desde polbeiras e postos de bebida e comida até mesas de uso libre para aqueles e aquelas que queiran levar a comida da casa. Para que non decaia a festa, haberá un 'pasamesas' musical, para que música e cantos continúen a animar. Os campionatos dos diferentes xogos populares van ser os grandes protagonistas da quenda da tarde. Chave, ra, tira-soga.... 

Ao longo de toda a xornada, ademais, haberá concursos de estandartes, premios á caracterización e, como non, postos de artesanía e de produtos locais.

Mais a Revolta Guímara non acabou aínda. A partir das 21 horas vén o rebumbio musical. Para abrir fogo, Airiños da Freba. Como eles propios se definen, "a nosa proposta: unha divertida viaxe musical pola provincia de Lugo, principalmente polos anos 30, 40 e 50 do século pasado, cando cuartetos, quintetos e sextetos, diversos conxuntos que xa incorporaban outros instrumentos de vento xunto coa gaita, amenizaban as nosas festas; música tradicional interpretada á nosa maneira, para bailar e lembrar con saudade aquelas verbenas de roupa amidonada, o viño doce e "a coñá", aqueles campos da festa con ringleiras de "bombillas"....

E a seguir, tralla da boa, da que ten denominación de orixe e convertíuse nunha lenda do punk-rock galego: Os Rastreros, máis de tres décadas montando ruído. A data fundacional desta lenda do punk-rock e un dos nomes chaves do movemento bravú é 1989. Como ben recollen en La Fonoteca,  catro mozos procedentes das aldeas chantadinas de Viana, Esmoriz, Camporramiro e de Chantada coinciden no bar Miño. Prodúcese a fusión das formacións A Palla Cubana e Rozando Nos Toxos (RNT) con Xesús López Exposito ‘Heléctrico’ (voz), Marcos Sánchez López ‘Killo’ (guitarra), Xulio López Viana ‘Xullo’ (baixo) e Xoán Camilo Gómez Hermida ‘Richi’ (batería).

Desde entón, xa non pararon. Fieis ao do it yourself (faino ti mesmo) no 91 gravan de forma precaria os once temas que compoñen a maqueta Non lle Toque-o Rabo á Vaca que Pensa Que é ou Boi e os catro cortes do EP Perigo! Animais Ceibes (Can, 1992).

Non sería até 1996 cando comezan a ter un impacto importante na escena galega coa súa participación no recompilatorio Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1996) co himno agrario Tractorada. Pero o seu maior éxito chegaría coa inclusión no Xabarín Club –programa infantil da TVG- do videoclip de O sancristán de Basán. O corte tamén formaría parte do segundo recompilatorio do programa.

Un chamado á liberdade

Segundo os datos achegados pola escritora da Pobra do Brollón Olga Novo, hai documentados no Arquivo Real de Valladolid máis dunha ducia de preitos de veciños deste municipio contra o Conde de Lemos, entre os anos 1480 e 1601. A Pobra do Brollón recibira, en 1304, unha nova carta de poboamento real, o que a libertaba de calquera dominio por parte dun señor feudal. A situación que provocou, a finais do século XV, a actitude do Conde de Lemos de reclamar tributos aos guímaros ía en contra da natureza de municipio libre que tiña recoñecido este territorio.

Novo explicou que, nos documentos atopados no Arquivo, aos que se referiu como “centos de páxinas de resistencia”, confírmase o nome dun guímaro, Lope de Ferreiros. Este actuaría como procurador dos veciños nos preitos contra o Conde de Lemos. A comezos do século XVI, foi o propio Lope quen animou os guímaros a presentar resistencia e a defenderse dos abusos do nobre monfortino diante da xustiza. A reacción do Conde de Lemos foi prender Lope de Ferreiros a quen, como castigo, ordenou cortarlle un pé.

Comentarios