Coa súa participación na tradución da obra mestra de Joyce gañou o Premio Nacional do Ministerio de Cultura. Pero o labor máis popular de Alonso Seisdedos foi, porén, o da serie de televisión Shin Chan, emitida pola TVG e que, segundo a asociación que outorga a distinción Xela Arias, “deixou unha gran pegada para toda unha xeración”.
Autores de primeira orde como o turco, e premio Nobel de Literatura, Orhan Pamuk; o inglés, e tamén Nobel, Kazuo Ishiguro, ou o sicialiano Andrea Camilleri coñeceron o galego grazas a Alonso Seisdedos. “O compromiso de María Alonso coa súa profesión e coa lingua galega e a súa vitalidade son os motivos principais polos que a directiva da asociación decidiu que fose a premiada”, indica a agrupación profesional nun comunicado.
O Premio Xela Arias ten “carácter simbólico” e “vai dirixido a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou intepretación cara ou desde o galego”.