'Mares da Fin do Mundo' sae navegar por cuarta vez

A nova edición da Mostra Internacional de Cinema Documental arrancou en Outes e estenderase até o día 1
Mathilde Jounot presentando a sección 'Proa' (Foto: Mares da Fin do Mundo).
photo_camera Mathilde Jounot presentando a sección 'Proa' (Foto: Mares da Fin do Mundo).

Con contidos para todos os gustos. Así comezou a cuarta edición de Mares da Fin do Mundo, Mostra Internacional de Cinema Documental, que se estenderá até o vindeiro día de mañá.

Logo dun acto inaugural que contou coa presenza de Xurxo Couto –en representación da área de Cultura da Deputación da Coruña-; Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofrarías de Pescadores; Manuel González, alcalde do Concello de Outes; e Marcos Gallego, director da Mostra, foi a quenda da presentación da exposición ‘Berros no roncar das ondas’, de Xacobe Meléndrez Fassbender.

Situada no Centro Náutico do Freixo, o último proxecto do artista consiste percorrido fotográfico cheo de aforismos e metáforas do tempo que estamos a vivir. O autor utiliza a fotografía como medio artístico, pero tamén a instalación e a videoarte. Nas verbas da historiadora da arte Chus Martínez Domínguez, “a fotografía e o vídeo actúan como soportes creativos en que realizar as súas series, onde se evidencia o esforzo na recreación de atmosferas, na claridade plástica e na atención destacada da articulación do relato”.

A continuación, o director Alastair Cole presentou aos espectadores na pantalla o seu traballo documental  'Iorram (Boat song)'. Trátase do primeiro documental cinematográfico filmado completamente en gaélico escocés, un retrato lírico da comunidade pesqueira das Hébridas Exteriores. O cineasta realiza unha viaxe cinematográfica ao pasado e presente das illas, mesturando voces, historias e cancións de mediados do século XX con imaxes da vida actual na terra e no mar, todo con música orixinal de Aidan O’Rourke.

Logo, e aínda que por motivos técnicos non se puido retransmitir en ‘streaming’, nunha mesa redonda moderada por Javier G Galdo e con título ‘O futuro da pesca artesanal’ disertaron sobre este tema distintos profesionais do sector do nivel de Merche Díaz Mayán, Xusto López Carril, Primitivo Pedrosa, Rogelio Santos Queiruga e Liliana Solís.

Finalmente, e coa compañía da escritora Mathilde Jounot, Mares da Fin do Mundo inaugurou unha nova sección co visionado da triloxía ‘Océans, la voix des invisibles’. A autora presentou ás espectadores un espazo de reflexión sobre a situación e responsabilidades compartidas na toma de decisións sobre os mares.

Comentarios