Máis

A ponte de Ponte Sampaio

A converxencia de dúas terras sobre o Verdugo
A contorna da Ponte Sampaio (Pontevedra e Soutomaior) é parte da súa esencia como espazo histórico de unión. (Foto: S. Vigo)
photo_camera A contorna da Ponte Sampaio (Pontevedra e Soutomaior) é parte da súa esencia como espazo histórico de unión. (Foto: S. Vigo)

Xusto no final da ría de Vigo desemboca o río Verdugo, cuxo leito amplíase con folgura no seu curso baixo. A importancia histórica do eixo costeiro da Galiza motivou a realización dunha ponte que salvara esta corrente de auga. A modo de retrospectiva, este elemento arquitectónico garda a historia de séculos e séculos de feitos e lembranzas de persoas que protagonizaron diversas xestas sobre estas pedras.

Esta ponte de posíbel orixe romana, cuxa estrutura actual é medieval, ten 144 metros de lonxitude e dez 'ollos', debe súa toponimia a San Paio de Lodo, e até a vitoria do arcebispo Xelmírez sobre Dona Urraca era propiedade dos condes de Borgoña e, ademais, existía un imposto de portádego para quen tivese que pasar por ela.

Na Idade Moderna tamén tivo unha grande importancia, posto que facía de límite entre as provincias de Santiago e Tui. Nesta época acometeranse melloras e reforzos na estrutura que aínda hoxe poden ser visualizadas con certa claridade. 

A batalla de Ponte Sampaio contra as tropas francesas é un dos episodios máis coñecidos

No século XIX a ponte acolleu o seu episodio máis destacado, a Batalla de Ponte Sampaio, en 1809, que confrontou as milicias populares coas tropas francesas.

A poboación plantoulles cara cun armamento moi rudimentario e improvisado como os 'canóns de pau' feitos de madeira. O resultado foi a derrota definitiva dos invasores franceses na Galiza e a fin dos cinco meses de ocupación, polo que esta ponte converteuse nun elemento de loita popular e resistencia.

A parroquia homónima tivo súa propia entidade independente até o ecuador do século pasado, cando pasou a formar parte do concello de Pontevedra. Na actualidade, a súa capacidade converxente segue vixente xa que a vella ponte fai 'fronteira' entre os concellos de Pontevedra e Soutomaior.

O paso do tempo motivou a construción de novas pontes 'irmás' froito de novos modos de mobilidade como o ferrocarril ou a estrada N-550 para os coches. 

As persoas que fan o Camiño de Santiago desde terras lusas quedan marabilladas no seu paso por aquí grazas á mestura de historia, paisaxe fotoxénica e simbolismo palpábel na contorna. Un lugar recomendábel todo o ano e máis no verán.

Perderse no bosque

A ponte colgante de Soutomaior no río Verdugo. (Foto: Nós Diario)
A ponte colgante de Soutomaior no río Verdugo. (Foto: Nós Diario)

Na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén, oculto entre as follas das árbores, unha ponte de madeira agarda o paso das e dos visitantes sobre unhas augas calmas e limpas, unha contorna refrescante para as quentes xornadas de verán.

Culminar o cume

Banco da Caritaina (Monte das Cavadas, Ponte Sampaio, Pontevedra). (Foto: Nós Diario)
Banco da Caritaina (Monte das Cavadas, Ponte Sampaio, Pontevedra). (Foto: Nós Diario)

Aproveitando a boa localización do monte das Cavadas para visualizar a contorna, pódese atopar un espazo con boas e privilexiadas vistas ás pontes do Verdugo, á ría de Vigo, á illa de San Simón e demais elementos fermosos da zona.

Comentarios