Para que o Lume Novo non queime o medio ambiente

praia
photo_camera praia

A asociación ecoloxista Adega está a dar unhas recomendacións para que as fogueiras que na noite de San Xoán non prendan máis do previsto para que a festa sexan só para queimar os meigallos. Varias son os consellos que poden facer que a noite non traia desgustos, con especial atención aos efectos que a festividade pode ter para o medio ambiente. 

Contra o que está a imperar nos últimos anos, en especial na costa da Coruña e Vigo, Adega recomenda evitar facer cacharelas en praias e dunas, principalmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. “Tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en período de cría, como a píllara das dunas”, alertan desde a asociación.  

Medidas para evitar que o lume se espalle son algúns dos eixos do catálogo de recomendacións que disponibiliza Adega e que aconsella acoutar os espazos de celebración sobre todo se na proximidade se atopan fragas, bosques, ríos ou outros espazos naturais. “Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas”, aconsellan. Ir en bici ou a andar á cacharela, con chaleques reflectantes, é outra das recomendacións para non invadir os ámbitos naturais. 

Reducir refugallos na noite máis curta 

Usar recipientes de barro ou louza ou garrafas de cristal son algúns dos consellos para evitar o uso de vaixelas de usar e tirar tan ao uso nas festas tradicionais. O obxectivo é reducir a cantidade de refugallos que se empregan nunha noite como a de San Xoán na que as festas comunais se repiten en barrios e aldeas. Contentores para a recollida selectiva no lugar das celebracións contribuirán tamén a coidar o medio ambiente e evitar a imaxe das carballeiras e praias inzadas de lixo no día despois á noite máis curta do ano. 

Comentarios