Luís Iglesia volve ás táboas con 'Gaivotas subterráneas'

Aproveitando o exitoso rebufo que deixou a serie Matalobos, o seu protagonista regresa aos cenarios após seis anos mergullado naquel proxecto televisivo. Partilla cartaz con Xabier Deive, coñecido por dar vida a Diego Dourado malia estar tamén curtido no teatro. Até 1.700 persoas asistiron na Coruña á estrea da obra
photo_camera Xabier Deive e Luís Iglesia


No mercado da vida, a inmoralidade cotiza alto. Por que non traficarmos tamén coa morte?


Así arrinca a obra Gaivotas subterráneas, escrita polo asturiano Alfonso Vallejo e que as compañías galegas RTA e Talía Teatro veñen de subir ás táboas. Os protagonistas, Nino e Mario, teñen caras coñecidas: a de Xabier Deive e a de Luís Iglesia ou, o que é o mesmo, Diego Dourado e Carmelo Matalobos.

Cando @s espectador@s queren ver de perto a Carmelo Matalobos

"Boa parte das persoas que nos foron ver á Coruña eu diría que son seguidores de Matalobos e que seguramente poucas veces foran ao teatro". Luís Iglesia ten claro o empurrón que o éxito da serie da televisión nacional, que vén de pechar a quinta temporada como líder de audiencia, dará a este thriller psicolóxico en que dous vellos amigos da infancia, de personalidades antagónicas malia teren medrado no mesmo barrio e estudaren na mesma escola, se atopan nunha taberna abandonada. A obra estreouse na Coruña a quinta feira 21 e estivo en carteleira até o sábado. Neses tres días, calcula Iglesia Besteiro, que foron vela por volta de 1.700 persoas.

"Estamos encantados", confesa, aplaudindo as sinerxias que poidan darse entre televisión e teatro, pois ambas pólas da cultura galega naceron á xunta. Tanto Iglesia como Deive son actores curtidos riba das táboas, malia non ser esta a súa faciana máis coñecida. Ao redor disto fala o protagonista de Matalobos poñendo como exemplo a Roberto Vidal Bolaño, con quen traballo en Teatro do Aquí. "É un dos máis grandes do teatro. Porén, fíxose coñecido por un pequeno papel en Mareas Vivas", ironiza.

Esta terza 29 as Gaivotas subterráneas chegan a Compostela. Quen se achegue ao Teatro Principal poderá gozar dunha historia de amizade "entre dous perdedores". Iglesia Besteiro refusa destapar detalles e confesa que, para o gusto del e de Deive, o programa de man "leva xa información demáis" que racha o ambiente de tensión que pretende a peza dirixida por Artur Trillo. "Canto máis contas peor é", apunta o actor, quen se confesa "moi cómodo" no escenario.

A agradecida volta "á adrenalina do directo"

Empezar empezou como actor de dobraxe "hai 25 anos, cando non había posibilidade de se dedicar a este oficio". Con todo, subliña que, sen antepor ningún sobre os outros, o cenario onde a día de hoxe se move con maior soltura é nun plató de televisión. Agora, após seis anos sen facer teatro, Iglesia Besteiro di que agradeceu este regreso "á adrenalina do directo".

O actor confesa que detrás do telón si houbo algunha brincadeira coa simboloxía dun animal, que fai parte da imaxe do PP. Entre risas, explica que do guión da obra se desprende "un punto de vista onírico" da concepción que fóra da Galiza se ten das gaivotas, cando "para nós é un animal máis ben porco". Porén, malia a responsabilidade da Xunta nestes "anos negros" para o teatro galego, as 'gaivotas' non teñen nada a ver coa formación conservadora. "É unha cuestión poética" introducida nun texto dos anos 80 e que se relaciona cun paxaro de mar condenado a vivir en terra que remexe "no lixo das miserias humanas".

Comentarios