De Lourenzá a San Marino: Jonydasvie, un galego en Eurovisión?

O laurentiniano Jonathan Dasilva é preseleccionado para representar este 'microestado' en Eurovisión.
Jonydasvie podería representar San Marino en Eurovisión con 'Fuego'.
photo_camera Jonydasvie podería representar San Marino en Eurovisión con 'Fuego'.

Pouco máis de 33.000 habitantes ten o 'microestado' de San Marino, unha cifra semellante á de municipios galegos como Ames ou Arteixo, o que dificulta enormemente atopar representación en eventos internacionais de calquera disciplina, desde o Mundial de fútbol até Eurovisión. É por iso que para o festival da canción acéptanse artistas foráneos, unha porta aberta ao maior escenario da música europea que Jonathan Dasilva, natural de Lourenzá, non quixo desaproveitar.

Jonydasvie, como é coñecido no panorama artístico, quixo seguir a estela das Tanxugueiras e buscar o billete ao certame continental a través do Festival de Benidorm, mais ficou fóra da preselección. Foi entón cando decidiu explorar outra vía: o festival Una voce per San Marino, aberto a persoas de todas as nacionalidades. E a súa proposta foi preseleccionada de entre un milleiro.

"Animeime porque na rede social Instagram vin varias veces o anuncio de Una voce per San Marino, e como teño unha canción moi boa composta recentemente decidín presentala e seleccionáronme, o que foi unha sorpresa para min porque non contaba que me elixiran", conta, en declaracións difundidas polo Concello de Lourenzá, que non tardou en parabenizar o seu veciño.

Agora participará canda outros 99 candidatos e candidatas nun proceso do que sairá unha nova preselección de 50 artistas, que participarán nas semifinais do festival sanmarinense e, no caso de superalas, aí si xa competiría directamente polo pase a Eurovisión representando a San Marino.

Sobre o seu tema, Fuego, composto da man do seu produtor, Favián Lovo —residente en Miami (EUA) e con experiencia no sector—, Dasilva comenta que é "moi potente".

Esta cuarta feira viaxa a San Marino para preparar a súa actuación do próximo sábado nesta fase inicial do certame Una voce. Será o primeiro dos artistas seleccionados en actuar, avanza. O presidente do xurado é o cantante italiano Albano.

"Estamos orgullosos de que un laurentiniano nos represente nun evento así e de que Lourenzá soe mais aló das fronteiras españolas. Coñezo a Jonathan dende que era neno e sempre tivo esa vocación pola música, sempre loitou por ese soño e estou segura de que cada vez está máis perto. Deséxolle todo o mellor", sinala a alcaldesa, Rocío López.

Comentarios