CONTRACULTURA

Loreto Blanco, ilustradora: "Insisto nas mensaxes que poidan supor unha transformación na persoa que ve as ilustracións"

Loreto Blanco (Moaña, 1964) é a autora do cartel da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que chega á súa 41ª edición e que se celebrará do 26 de xuño ao 7 de xullo. 
Loreto Blanco.
photo_camera Loreto Blanco.

Xa colaborara noutras ocasións coa Mostra?
Hai un par de anos fixen unha exposición durante a Mostra, formando parte do programa que teñen de Mulleres en Acción. Como naquel momento quedaran satisfeitas coa exposición, supoño que isto fixo que se lembraran de min á hora de propor artistas para facer o cartel deste ano, xa que adoitan escoller anualmente artistas diferentes que sexan da zona do Morrazo. 

Cando lle chegou a proposta, tivo total liberdade ou había algunha indicación ou idea que debía estar presente?
A organización ten unha forma de traballo moi interesante, que é darnos liberdade total, asumindo tamén a imaxe final, gústelles máis ou menos, por respecto. A min isto particularmente dáme moita tranquilidade creativa porque tampouco pon límites. Ademais, puiden conectar esta imaxe do cartel con todo o meu mundo persoal de creación como pintora. Cando me propuxeron o cartel estaba traballando no taller cunha imaxe moi onírica que me xurdiu dun soño. Neste, había unha pila vermella flotando no medio do universo, que para min significaba a necesidade de pórse en marcha, tamén porque o vermello para min simboliza a vitalidade e a alegría. Como estaba tan entusiasmada con esta idea, decidín adaptala e darlle un novo enfoque montando personaxes moi diversos enriba de varias pilas que flotan no medio do universo cara á mesma dirección, neste caso, a Mostra. 

O meu traballo como artista e pintora está enfocado cara á conciencia e a transcendencia. Unha mensaxe que poida supor unha transformación na persoa que o ve. Con todo isto quería transmitir a unión desde a diferenza. Os personaxes tamén dan un aspecto cómico e divertido, ben pola súa roupa ou ben pola súa pose ou actitude, para encaixar co propósito da Mostra, mais tamén para transmitir optimismo e alegría.

Cales foron as técnicas utilizadas?
Eu non son cartelista e por iso tiven algunhas dúbidas cando chegou a proposta, sobre todo porque non controlo tan ben o aspecto tipográfico. Aínda así, quixen aceptar o reto e ademais ofrecéronme a axuda dun deseñador gráfico no caso de que fose necesario. Aínda que é unha montaxe, unha collage, en Photoshop, non deixa de ter a composición dun cadro, que é algo máis familiar para min. A imaxe de fondo está baseada nunha fotografía da NASA. En concreto, é a nebulosa de Orión, porque foi a que máis me encaixou en canto ás cores, que non quería modificar. A partir de aí fun engadindo cada pila co seu personaxe. 

Un elemento importante, que no meu traballo é unha novidade, veu grazas ao meu alumnado. Eu son profesora de Belas Artes na Universidade de Vigo e xa comezan a utilizar a intelixencia artificial para crear imaxes a partir do que piden. Quixen probala para crear algúns dos personaxes a partir das descricións que eu lles daba. Creo que aínda ten moito que avanzar e que como non teñas unha idea moi clara non vai funcionar. Así, conseguín o que eu quería, como base, e a partir de aí fun traballando en Photoshop para perfeccionar os erros. Sobre todo, pedinlle que me dera imaxes de acabado fotográfico, porque non quería un acabado de debuxo, quería que fose contemporáneo. Como artistas, creo que é bo coñecer as ferramentas que van xurdindo e aprender a utilizalas. 

A composición foi o máis complexo, porque tiña que lograr que todo o xogo dos elementos non acabara sendo unha amalgama confusa. 

Comentarios