Esta sexta feira

O libro sobre os verdugos do 36 preséntase en Vilalba

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron (2017) é o primeiro volume monográfico sobre aqueles que se encargaron da represión fascista durante os anos da Guerra Civil. Editado por Sermos Galiza e xa pola segunda edición, preséntase esta sexta feira 23 de febreiro ás oito e media do serán no auditorio de Vilalba.
 

os nomes do terror presentacion
photo_camera Presentación dos 'Nomes do terror'.

No acto participarán o coordinador do libro Xosé Ramón Ermida, o presidente do consello de administración de Sermos, Xoán Costa, o membro do Instituto de Estudos Chairegos Manuel Roca e o cronista de Viveiro Carlos Nuevo Cal. Nuevo Cal é, ademais, o autor do ensaio que, incluído nos Nomes do terror, trata sobre “os represores na área norte de Lugo e o seu operativo”.

“Ate agora contabamos con numerosos estudos sobre as vítimas da represión, mais a realidade dos represores permanecía agochada”, sinala Manuel Roca, “con este volume queremos sacar á luz a outra parte da verdade que ficaba por coñecer. Non hai vítimas sen verdugos”. Roca lembra algunahs das demócratas vilalbesas asasinadas: os concelleiros Xosé Balsa e Xesús Orosa, o mestre Anxo Fraga, ou o crego de Monfero Andrés Ares.

A represión política e social non só se substanciou nos mortos. Así o amosa o número de persoas presas por motivos políticos entre 1936 e 1939 na bisbarra chairega: 26 persoas en Vilalba, 22 en Guitiriz, 21 en Cospeito, 19 en Polo, 16 na Pastoriza, 10 en Xermade, 11 en Abadín, 12 en Rábade, 11 en Begonte, 12 en Castro de Rei e seis en Outeiro de Rei.

Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron recolle testemuños documentais e orais sobre os veciños que participaron no despregamento da violencia fascista, como os falanxistas Baltasar Pérez Núñez, o Vinculeiro ou os irmáns Canto.

Comentarios