Leilía deu a despedida no Culturgal

Culturgal tamén acolleu a estrea do podcast 13 avisos: historias para contar á noite, de Paula Carballeira.
Leilía deu a despedida no Auditorio do Pazo da Cultura. (Foto: Moncho Fuentes)
photo_camera Leilía deu a despedida no Auditorio do Pazo da Cultura. (Foto: Moncho Fuentes)

Leilía puxo en pé ao Auditorio do Pazo da Cultura, na tardiña deste sábado, na que foi unha das últimas oportunidades para despedir a mítica banda, dentro do programa do Culturgal. Antes do concerto declaraban o orgullo que para elas supón “todo o tempo xuntas” sen terse desviado do seu obxectivo: “recuperar a tradición das aldeas e que todo o mundo coñecese o que era a tradición oral galega”.

O sábado foi un día marcado polo tradi. Culturgal acolleu tamén un concerto de Ailá, banda formada ao abeiro da Casa das Crechas, que puxo a bailar ao público da Feira co seu repertorio inspirado no respecto á música patrimonial galega. Muiñeiras, xotas, maneos e pasodobres resoaron no recinto do Pazo da Cultura, ateigado de xente na tarde de hoxe.

Pero alén do musical, Paula Carballeira sacudiu cun calafrío a Feira coa estrea do podcast 13 Avisos. Historias para escoitar á noite. Rocío González, Xosé Barato, Nuria Sanz, Chiqui Pereira e a propia Paula Carballeira locutaron en directo o primeiro episodio, que a partir de hoxe estará dispoñíbel nas distintas plataformas e cada sábado verá a luz un novo capítulo.

Paula Carballeira representa en directo ‘13 avisos’. (Foto: Moncho Fuentes)
Paula Carballeira representa en directo ‘13 avisos’. (Foto: Moncho Fuentes)

 

Nacho Sanz estivo a cargo do espazo sonoro, unha peza fundamental neste xénero. Carlos Negro, o convidado do programa, tivo que agardar case até o final da emisión para ser entrevistado. O podcast intenta “explicar o inexplicábel para poder durmir pola noite, sen temor aos pesadelos”, explicaba a directora na introdución da peza, que tamén insistiu en que as opinións recollidas son súas. “Non lle botedes a culpa a ninguén máis”, brincaba.

Da banda das letras, Culturgal converteuse nun fervedoiro de debates e lecturas, non só de autores e autoras galegos. Bernardo Atxaga visitou Culturgal para presentar a tradución ao galego da súa obra Exteriores do paraíso, editada por Kalandraka. Esta visita reivindica a importancia da tradución no sistema cultural galego, traendo para a nosa lingua obras doutras culturas.

 

O autor compartiu, partindo de detalles sobre o libro, a súa visión sobre a escrita e como as persoas lectoras a transforman: “A imaxinación é o grande aliado do escritor, o texto sen unha persoa que o lea, que o leve á imaxinación, que está chea de imaxes e experiencias, sería un texto moi pobre. Non hai imaxes que poidan competir coas da imaxinación”.

Tamén as verbas líricas fixeron tamén voar o maxín do público para completarse. A Feira acolleu, pola mañá, unha sesión de slam de poesía oral e palabra falada, organizada polo Poetry Slam Compostela, cos autores Diego Negro, Samuel Merino e Paula Pier. Pola tarde, foi a quenda de Duoversos, unha proposta inflamable da man de Marga Tojo e Samuel L. París.

Na tarde, o cinema foi tamén protagonista en Culturgal. O público puido coñecer en exclusiva avances de seis filmes aínda sen estrear, que marcarán as carteleiras no próximo ano: Filmei paxaros voando (Sétima), Cine Paraíso, Leiro (Noveolas Producións), La Parra (Filmika Galaika), Da túa man para a miña (Miramemira),  Aurora (Gaita Filmes) e As neves (Cósmica). Ademais, a Feira foi sala de proxección do filme Honeymoon, de Enrique Otero. 

Hoxe será un día para celebrar os éxitos do cinema galego deste ano con O Corno e Matria, ambas as dúas finalistas en diferentes categorías dos premios Goya.

 

Algunhas recomendacións para o día de hoxe

12 horas: Xesús Fraga presenta a súa obra Río Miño, unha viaxe entre solsticios acompañado das imaxes das paisaxes referenciadas no libro.

12 horas: Miudiño Sessions coa banda Minguante. En directo, Óscar Martínez (voz, guitarra, caixón) e Miguel Alonso (voz, guitarra, harmónica) repasan a súa traxectoria como banda até o momento, incluíndo tamén cancións dos seus proxectos individuais, poemas musicados e versións das canción que os influíron como músicos. 

12 horas: Proxección de O Corno, coa asistencia da directora Jaione Camborda e Anna Palazón, a doula que asistiu na conceptualización do filme.

13 horas: A cousa eterna. Conversa recital con Celso Fernández Sanmartín e María Álvarez Martínez.

13 horas: Presentación da App ‘Catoira e as torres de Oeste’. O Concello de Catoira presenta unha aplicación para dispositivos móbiles na que se inclúen contidos relacionados co xacemento Torres de Oeste (Ben de Interese Cultural) e do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO). Coa intervención do alcalde, Xoán Castaño, o concelleiro de Cultura, Rául G. Pato, e o autor dos contidos, Diego Piay (historiador e arqueólogo).

16 horas: Presentación do Observatorio do Teatro Galego e Base de datos do teatro galego. O Observatorio do Teatro Galego (OTG) nace en 2022 froito dun convenio entre a Universidade da Coruña e a Academia do Teatro Galego. O seu obxectivo principal é constituírse nun centro de pesquisa e de documentación da actividade escénica galega. Para este fin, organiza periodicamente coloquios concibidos como xornadas de reflexión e publica informes relativos aos diferentes aspectos que atinxen a creación dramática na Galiza. 

16.30 horas: Conversas no ascensor. María Lado mantén conversas no ascensor do pazo sobre o tempo, a vida e a cultura co público interesado. Entre as 16.30h e as 18h no ascensor de ARTE.

17 horas: PuntoGal presenta: monólogos de ciencia en galego con Divulgacción

17 horas: A hora do té con Emma. Asisten as anotadoras da nova edición de Jane Austen, Emma (especialmente anotada e prologada para público xuvenil), Ana Bulnes e Raquel Campos.

17 horas: Ciclo Ilustrando: Kiko da Silva. O ilustrador Kiko da Silva comparte o seu proceso creativo debuxando en directo e explicando as diferentes fases do traballo. Poderanse observar todos os detalles de preto a través da proxección en pantalla.

18 horas: A lagoa máis fermosa de todas as lagoas. Conto no que a concienciación sobre a reciclaxe se achega aos máis cativos a través dunha visión renovada daquelas historias de reis e raíñas, de mundos fantásticos que se mesturan con elementos do noso entorno, inserindo protagonistas como botas, gotas e mochilas... 

18 horas: Via Morta. Vía Morta pretende ser, máis que un espectáculo teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe teatral que pretende traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas a través dunha proposta que converte ao espectador nun refuxiado máis. Un campo onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago - agarda poder seguir a súa viaxe ata Alemaña.Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. 

18 horas: Zúñiga + Velpister. A escritora Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister ofrecen un espectáculo híbrido que une narración e música.

18 horas: Ciclo Ilustrando: Os Suicidantes. Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero presentan Os Suicidantes acompañados por Belén López. Novela gráfica ambientada nunha cidade do futuro, devastada por un réxime económico fóra de control, onde os individuos son arrastrados cara ao abismo. 

18.30 horas: Matria. Proxección da película e coloquio con Álvaro Gago, Francis (muller que inspira a personaxe de Ramona) e as rapazas da conserveira.

19 horas: Recital poético con Helena de Carlos, Oriana Méndez, Yolanda Castaño, María Lado.

19 horas: Ciclo Ilustrando. Eli García comparte o seu proceso creativo debuxando en directo.

20 horas: Fin de festa coa Orquestra Galega de Liberación. A Orquestra Galega de Liberación presenta un conxunto dunha vintena de músicos afincados en Galicia reunidos arredor da música de vangarda, a procura de novas formas de creación espontánea e a improvisación como fonte de investigación.

Comentarios