Crítica de cinema das sextas feiras

Lady Bird

Lady BIrd
photo_camera Un fotograma do filme

LADY BIRD

(EUA 2017, 94 min.)

Dirección e guión: Greta Gerwig

Fotografía: Sam Levy

Música: Jon Brion

Elenco: Saorsie Ronan, Laurie Metcalf, Lucas Hedges, Tracy Letts, Timothée Chalament, Beanie Feldstein, Jordan Rodrigues

 

SINOPSE

Unha adolescente, que insiste en responder ao nome de Lady Bird, múdase cos seus pais ao norte de California. Será un derradeiro ano de instituto cheo de cambios, novas amizades, decisións transcendentais e autodescubrimento.

 

CRÍTICA

En apenas dez anos, a xoven actriz Greta Gerwig pasou de musa do cinema indie norteamericano, en achegas de Noah Baumbach (Frances Ha) ou Joe Swanberg (co que codirixiu o seu primeiro filme Noites e fins de semana), a traballar baixo as ordes de cineastas da talla de Woody Allen (A Roma con amor), Barry Levinson (A sombra do actor), Todd Solondz (Weiner-Dog), Mike Mills (Mulleres do século XX) ou Pablo Larraín (Jackie). Unha traxectoria na que non perdeu tempo e tomou boa nota para dar o salto en solitario na dirección. Faino coa comedia adolescente Lady Bird, coa que acadou o Globo de Ouro a Mellor filme de comedia ou musical, e cinco nomeacións aos Oscar, entre outros moitos galardóns do circuíto independente. Unha desas veces en que crítica e público se poñen de acordo...

 

Nun tempo no que se podía estar sen a inxerencia constante dos móbiles, Christine McPherson (Saorsie Ronan) múdase no último ano de instituto. Non lle gusta o seu nome de pía así que só responde ao nome de Lady Bird, que sería algo así como preferir chamarse Maruxiña ou Xoaniña en galego. Por temas laborais paternos, deberá afrontar o ano previo á Universidade nunha vila onde non coñece ninguén. Está nesa idade de hormonas revolucionadas, cabelo de cores e liortas constantes coa súa sobreprotectora nai (Laurie Metfalf), mal momento para comezar de cero, facer novas amizades ou descubrir o primeiro amor, mais será unha grande oportunidade para coñecerse a si mesma e preparar o seu propio camiño antes de emprender o voo... Unha historia de “primeiras veces”, de autodescubrimento e de transición da adolescencia á idade adulta.

 

Saorsie Ronan é a protagonista absoluta nun rol polo que acadou o Globo de Ouro a Mellor actriz de comedia ou musical e unha nomeación aos Oscar, que perdeu fronte á descomunal Frances McDormand por Tres anuncios nos arrabaldes. Tamén estivo nomeada Laurie Metcalf por un agradecido rol de estoica nai que profesa un inmenso amor maternal cara a súa filla, pero que é incapaz de dicilo... cando menos de verbalizalo. Metcalf perdeu a partida curiosamente con “outra nai”, a que constrúe Allison Janney en Eu Tonya.

 

Lady Bird vai na liña sarcástica de filmes coma Ghost World, Clerks ou Juno aportando unha mirada ácida á sociedade norteamericana. Desde o inicio irradia un aura transgresora que pon en tela de xuízo a familia tradicional, a igrexa, a educación, o traballo ou a sexualidade reprimida... Todo o contrario do que debería de ser no entorno dunha vila aséptica ultraconservadora onde todo é aparencia.

 

Mágoa que, de cara ao final, precipítase nunha serie de accións que cheiran a experiencias persoais da directora mais que desentoan no conxunto quedando a sensación de estar presenciando unha historia amábel, familiar e nada arriscada... xusto o que non é. Mais isto trae á palestra o conto de sempre: “un bo final pode arranxar unha mala película, pero un final malo pode estragala”. Non é o caso, pero pouco lle falta... Con todo, haberá que estar pendente dos seguintes proxectos desta prometedora directora.

Comentarios