Crítica de cinema das sextas feiras

Kings, unha historia de racismo e brutalidade policial

kings2
photo_camera Un fotograma do filme

KINGS

(Francia-Bélxica 2017, 92 min.)

Dirección e guión: Deniz Gamze Ergüven

Fotografía: David Chizallet

Música: Nick Cave e Warren Ellis

Elenco: Halle Berry, Daniel Craig, Lamar Johnson, Rachel Hilson, Kaalan Walker, Lewis T. Powell, Callan Farris, Serenity Reign Brown

 

SINOPSE

Millie é unha nai de gran corazón que vive nun barrio marxinal do sur de Los Ángeles. Na súa propia casa acolle menores conflitivos para que non pasen polos Servizos Sociais ou acaben na cadea. Entrementres a tensión vai crecendo nas rúas por mor da violencia policial.

 

CRÍTICA

A turca Deniz Gamze Ergüven sorprendeu no 2015 con Mustang, un moi interesante debut que denunciaba a abafante opresión patriarcal que sofren as mozas no seu país natal. Porén, o seu primeiro proxecto co que tiña pensado dar o salto á longametraxe data de 2011 e levaba o título de Kings mais, ao non conseguir financiamento, optou por probar cun filme máis pequeno. As numerosas nomeacións de Mustang (aos Óscar, Globos de Ouro ou Premios do Cinema Europeo), así como os premios acadados en diferentes festivais e certames (Goya á Mellor Película Europea, Espiga de Prata na Seminci de Valladolid ou Premio do Público no Festival de Sevilla) déronlle á cineasta turca o carisma e proxección internacional necesarios para, por fin, poder levar o seu proxecto primixenio adiante.

 

Kings é unha produción franco-belga con reparto estelar hollywoodense. Nada menos que as súper estrelas Halle Berry (X-Men, Monster’s Ball) e Daniel Craig (Munich, Skyfall) á fronte. Ambientada nos Estados Unidos, narra os acontecementos previos aos violentos disturbios acontecidos en Los Ángeles en 1991 por mor da sentenza absolutoria duns axentes de policía acusados de dar unha malleira a Rodney King, un taxista afroamericano. O caso tivo unha repercusión enorme no momento cun seguimento case en directo dos feitos: desde as imaxes da palerma ás vistas do xuízo. Todo apuntaba a que os policías serían castigados. Semellaba evidente ante as probas e os feitos... pero non. Como eran branquiños, pois quedaron absoltos. Isto fixo saltar a chispa da carraxe que prendeu o lume...

 

Unha nai (Berry) coida de seus fillos e fillas... ou iso quere aparentar, porque realmente a maioría non son seus, senón rapaces e rapazas en risco de exclusión social ou de caer na delincuencia. Fai o que pode para mantelos alimentados e baixo teito traballando en varios empregos durante a semana, pero as veces a situación supéraa por completo... O seu improbábel veciño (Craig) é un branquiño violento e mesquiño pero que agocha unha personalidade inesperada. As tribulacións de uns e outros acabarán mesturadas no medio do caos...

 

Unha historia sobre o racismo e a brutalidade policial nos Estados Unidos que anda a medio camiño entre Cidade de Deus (2002, Fernando Meirelles e Kátia Lund), Kids (1995, Larry Clark), Fai o que debas (1989, Spike Lee) e Detroit (2017, Kathryn Bigelow). Mágoa que quede en terra de ninguén.

 

Salvo nos primeiros compases, nunca acaba de atopar o punto nin tampouco o ritmo apropiado. Tampouco axuda contar con estrelas nos roles principais. Halle Berry nótase perdidiña e sobreactuada por momentos. Seguro que non é só culpa súa pero o caso é que nunca nos chegamos crer o seu rol. Algo parecido lle pasa a Daniel Craig, só que a este se lle nota que, cando menos, botou unhas risas durante a rodaxe. Probablemente a cousa iría mellor cunha actriz e un actor “descoñecidos” (coma o resto do elenco). Por riba ten momentos cómicos cando non pretenden selo... das peores cousas que se poden dicir dun filme. Unha oportunidade perdida e unha auténtica decepción sobre as expectativas depositadas nesta prometedora cineasta.

 

Con todo Kings é moi recomendábel para quen guste dos filmes arredor de conflitos raciais e sobre os dereitos civís, ademais mírase sen dificultade e tamén aporta unha pequena clase de historia recente.

 

Comentarios