Iván Prado: “A rebeldía forma parte da estética e da forma de ser do pallaso”

Iván Prado está de celebración. O Festiclown que el ideou e dirixe fai quince anos e quere facer balance dunha historia a partir da que se desenvolveron proxectos como Culturactiva e colectivos como Pallasos en Rebeldía. Con Chiapas no xermolo e Palestina no horizonte. 

Iván Prado
photo_camera Iván Prado

-De novo, na axenda do Festiclown está Palestina. A que contribúe nunha situación como a que atravesan un festival de pallasos?

É a nosa grande aposta, o lugar onde máis sentido ten levar a risa, o humor, en especial pola situación da poboación infantil. Este ano tiñamos previsto ir a un campo de refuxiados do Líbano mais finalmente tivemos que anular. Estando alí a finais de decembro, houbo un importante magnicidio, mataron a dous ex-ministros,e  as organizacións palestinas pedíronnos que o aprazaramos. Chegando agosto xa nos confirmaron que era imposíbel facelo nos campos de refuxiados e decidimos trasladarnos a Cisxordania. Levamos preto de vinte artistas nesta edición e imos facer desde grandes galas até actividades como obradoiros, conferencias e rodas de prensa. Queremos non só levar alegría senón trasladar o coñecemento do que acontece en Palestina. 

-Con Palestina desenvólvense moitas iniciativas solidarias mais que leven humor debe ser a única...

É o único festival de pallasos no mundo árabe e o único festival de circo internacional nos campos de refuxiados. De todas maneiras desde o 2011 naceron moitos proxectos vinculados aos pallasos e ao circo de xente que se formou con nós e que xa están traballando directamente alá. Cando en 2011 fixemos o primeiro Festiclown en Cisxordania foi como tirar un muro a nivel artístico e comunicativo. Levamos unha mensaxe de esperanza con corenta artistas, unha mensaxe solidaria que serviu para que, a través do circo social, se puidese coñecer a realidade palestina. Quixemos despertar a alegría dun pobo que leva corenta anos ocupado e se sinte só. Demostrar tamén que as súas crianzas, como todas as do mundo, poden rir, ao igual que calquera neno europeo e comprobar que non todo son bombas. 

-Quen está detrás do Festiclown? Ese traballo de circo social en Palestina ou Brasil precisará tamén un apoio económico, de onde vén?

Somos Pallasos en Rebeldía, un colectivo que naceu na Galiza e neste momento ten xente en Chile, Colombia, Brasil, Arxentina... formamos parte moitos artistas, entre eles algún como Leo Bassi que colabora con nós e participou no Festival da Favela en Rio de Janeiro. Un mundo extenso. O circo é o lugar onde as utopías se realizan, onde o imposíbel se volve posíbel e para un pallaso é completamente imprescindíbel esa vontade de facer rir. 

-Mais como se manteñen estas iniciativas?

En todo somos moito de circo, moito de autoxestión. Temos grandes artistas que, non só contribúen cos seus espectáculos senón que tamén apoian o proxecto. Pepe Viyuela, por exemplo, fai unha gala en Madrid con ese fin. No Festival de Río sacamos cartos para ir a Palestina. Contamos tamén cos servizos de Culturactiva cunha estrutura básica que é sostíbel. O que se recada nas entradas do Festiclown vai tamén para estes proxectos solidarios. 

-A súa actuación en Chiapas definiu en certa maneira o proxecto. Que supuxo encontrarse coa revolución zapatista?

Definiunos e bautizounos. Comezamos en 2004 como Pallasos en Rebeldía e para nós a revolución zapatista e o seu proxecto social de autoxestión e liberdades das comunidades indíxenas é a definición danosa arte que consiste en ser máis libres. Esa grande historia de democracia e participación foi inspirador para nós. Este ano imos ao Festival Internacional que organizan os zapatistas e ese vínculo, continuo e extraordinario, sigue coa mesma intensidade. 

-E que é a rebeldía?

Ao meu ver, algo moi naif. Amar a humanidade. Tamén a coraxe que che pode xurdir cos poderosos ao ver como maltratan a cultura, a lingua. Rebeldía é ese primeiro impulso artístico de defender que o mundo sexa un lugar fermoso e cheo de posibilidades para ser felices. No caso do pallaso, forma parte da estética e da forma de ser. Un pallaso é rebelde por definición. Desde a Idade Media, convertemos os problemas sociais en materia para a nosa arte. 

-Este ano o Festiclown coincidirá en Lugo co San Froilán, non será demasiada festa xunta?

Parte de nós somos de Lugo e para  nós é emocionante participar do San Froilán. O pasado ano foi no verán e saíu moi ben e metidos no miolo das festas estou certo de que vai ser extraordinario. A programación vai ser máis pequena mais estamos felices porque saímos do temporal. O Festiclown deu formación e  impulso a novas compañías da Galiza, un pequeno tsunami tamén no ámbito estatal porque se crearon moitos obradoiros. Os mellores mestres pasaron polos nosos espazos de formación. 

Comentarios