Contracultura

Iván G. Riobó, de Gallego Común: "A frase que nos define é que facemos música precaria para unha época confusa"

Iván G. Riobó pon o sintetizador e os coros en Gallego Común, a banda que comparte con Iago de Domaio (voz e guitarra), Marcos F. Álvarez (batería) e Alexis L. Fortes (baixo) e coa que vén de sacar o seu primeiro EP, 'Podía ser peor'.

Detrás, Marcos F. Álvarez, Alexis L. Fortes e Iván G. Riobó. Diante, Iago de Domaio (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detrás, Marcos F. Álvarez, Alexis L. Fortes e Iván G. Riobó. Diante, Iago de Domaio. (Foto: Nós Diario).

—Cun ano de existencia, a banda xa ten o seu primeiro EP. Que querían transmitir?
Este proxecto é, como todo o que facemos na música, unha mestura entre o natural, o caótico e o improvisado. Gallego Común comezou por iniciativa de Iago e miña vendo que tiñamos unhas letras desde hai un tempo e queríamos facer algo con elas. Iago ademais xa tiña experiencia noutros proxectos e estaba vinculado ao mundo da música, mais, como dicimos sempre, mais que o que queremos ou que nos gusta, facemos o que podemos. Así, comezou a incorporarse outra xente, mais fracasamos, como case todos os grupos, na xestión dos egos. Tivemos unha baixa e tivemos que reconstruír a banda.

Despois dos primeiros concertos en vivo tiñamos unha dinámica interna moi boa, mais por motivos alleos a nós tivemos outra baixa, polo que houbo que volver facer esta reconstrución. O EP recolle toda esa experiencia, cos temas que máis nos prestaban ou os que vimos que podían funcionar mellor nun proxecto así. A frase que nos define é que facemos música precaria para unha época confusa, unha frase un pouco rimbombante mais creo que pode definir ben este EP.

—En que sentido o define?
Precariedade no sentido de que non temos formación musical, facémolo todo de maneira autodidacta. Mais tamén precariedade por todos os condicionantes que padecen os grupos como a falta de apoios. Nós tamén dicimos que imos por debaixo do underground porque non estamos identificados coa escena musical. Sabemos que en tempos de máximo postureo, facer música cero sofisticada é un suicidio artístico: nesas estamos. Tamén é unha precariedade a nivel laboral claro, porque aínda que algúns poidan estar nunha situación un pouco máis estábel a nivel económico sempre hai algún membro cuxa situación vai mudando e iso obviamente afecta á banda enteira porque nos solidarizamos.

Hai grupos aos que lles gusta falar tamén de cando as cousas comezan a irlles ben, comezan a cobrar bolos e a meterse na industria, pero realmente tamén é moi precaria. O dos tempos confusos creo que é evidente; parece que vivimos nunha crise constante a todos os niveis: social, cultural, laboral... Somos conscientes de que estamos comezando e, aínda que nos sentimos identificados con este produto, sabemos que o próximo vai ser mellor porque tamén nos imos desenvolvendo mellor. Tamén é certo que intentamos militar no sentido do humor, porque é terapéutico: axuda a non tomarse demasiado en serio a un mesmo.

—1/2 Rural foi o primeiro tema que publicaron, antes da saída do EP. É o que mellor representa isto?
Todos nós criámonos nun rural próximo a unha cidade, polo que nos interesaba falar sobre a folclorización do rural mitificado e os dous mundos que entran en colisión cando hai xente que vai buscando paz e unha vida regalada e se atopa cunha realidade que non é tal. Un pouco por isto, o nome da banda xoga coa idea da especie animal, o galego común, mais tamén do comunal, concepto que ten unha grande importancia na organización social deste país. Tamén, este foi un tema que nos sorprendeu incluso a nós, porque xa fomos quen de ver esa evolución que tivemos desde o principio, incorporando elementos con máis creatividade, e ademais que nos sube moito a moral cando estamos enriba do escenario, polo que tiña sentido que fora o que primeiro escoitara a xente.

—Cales son os próximos obxectivos da banda?
Alexis vén de incorporarse como o novo baixista, porque o anterior marcha fóra a buscar traballo, así que chega o momento de pornos a traballar nos novos temas. Estamos desexando sentir a química que se crea no local de ensaio cando comezamos a compor temas novos. Aliás, non estamos pechados a incorporar a máis persoas á banda, por contar con máis ferramentas e tamén por escapar deste rollo de grupos só compostos por tipos.

Comentarios