O proxecto decorrerá na sala Numax de abril a outubro

"Intemperiadas", creación ao vivo na busca do diálogo con Xela Arias

Desde abril ponse en marcha da libraría Numax de Compostela o proxecto 'Intemperiadas', de creación ao vivo e en feminino estabelecendo diálogo coa autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021, Xela Arias.
xelaarias_nosdiario
photo_camera A escritora Xela Arias. (Foto: Nós Diario)

Entre os meses de abril e outubro de 2021 decorrerá na sala Numax de Compostela o proxecto “Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias", poeta á que se lle dedica o Día das Letras 2021.

A iniciativa presentouse na segunda feira, 29 de marzo, e vai consistir nunha serie de “diálogos entre novas artistas e mais a poeta” e "ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia fronte un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra", explica a tamén poeta e comisaria do proxecto Charo Lopes.

En “Intemperiadas” contarase cos traballos de Laura Tova, desde a ilustración; Io Morales no téxtil; Jóia Rra, con Acacia Ojea e Marga Gilino no apartado musical; Verónica Vicente, desde a fotografía; e Paula Pereira, a partir da cerámica.

Todas as artistas “desenvolverán parte do seu proceso creativo ao vivo” no espazo da libraría Numax durante o seu horario de apertura. A primeira en facelo será Laura Tova, o sábado 10 de abril. 

O proxecto, que conta co apoio da Deputación da Coruña, tamén terá a súa voz e o seu eco nas redes sociais onde, baixo o cancelo #intemperiadas, se convida o público a compartir as súas propias creacións arredor da figura de Xela Arias.

O traballo especializado de María Xesús Nogueira

A editora Chan da Pólvora súmase ás sucesivas iniciativas de homenaxe á poeta das Letras Galegas coa publicación do volume De certo, a vida ía en serio, que, a partir de textos de entrevistas, conferencias, reflexións, autopoéticas e poemas, “quere explicar a Arias a través das súas propias palabras”. A doutora en Filoloxía galega e experta na poeta María Xesús Nogueira é a responsábel da selección de textos e mais da edición deste volume.

Comentarios