venres 05/03/21
Doutora en Filoloxía galega pola USC e especialista en Xela Arias

María Xesús Nogueira: "De Xela Arias destacaría a voz rompedora, arriscada"

A poeta Xela Arias vai ser homenaxeada nas Letras Galegas de 2021. Así o comunicaba a Real Academia Galega (RAG) na noite do 22 decembro. Da man da profesora da Universidade de Compostela Chus Nogueira, achegámonos á figura desta autora que falecía prematuramente en 2003, con só 41 anos.
chus nogueira
María Xesús Nogueira, autora de 'Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004)' (Foto: Nós Diario)

Que supón a elección da RAG de Xela Arias para ser homenaxeada no Día das Letras de 2021? E como agarda que sexa á vista da situación sanitaria?

Como toda dedicatoria dunhas Letras Galegas, a de Xela Arias supón un recoñecemento institucional. Á parte diso, persoalmente espero que leve consigo unha ampla difusión da súa obra, un maior coñecemento para a cidadanía, tanto da súa figura como da súa obra. Sobre a situación sanitaria, gustaríame ser optimista pero non sei se hai moitas razóns neste momento, o único que temos son moitas dúbidas de que este próximo ano poida ser algo parecido a normal, e nese sentido paréceme unha mágoa que a Xela Arias lle correspondese un ano así, tan incerto e tan cheo de dúbidas no que a restricións se refire.

Como recompiladora da súa obra, cal diría que é a importancia de Xela Arias nas letras?

Atribuiríalle unha importancia a dous niveis, en primeiro lugar como poeta e escritora, campos nos que foi unha innovadora do discurso poético, xa desde comezos dos 80, que foi a década na que empezou a publicar os seus primeiros textos. Despois, destacaría tamén a súa importancia como unha voz rompedora, unha voz arriscada, vangardista, diferente á poética do seu momento. Pero tamén salientaría a importancia que ten o seu traballo no conxunto da cultura galega e mais da literatura da Galiza, non unicamente como creadora, senón como tradutora, como difusora, como editora... Ademais Xela Arias foi unha persoa que se implicou e participou activamente, desde a década dos 80, na cultura galega.

A autora pasa a ser a quinta muller á que se lle dedica ese día. Que lectura fai dese feito?

Obviamente fago unha lectura moi positiva diso porque é un feito obxectivo que o número de mulleres homenaxeadas é sensibelmente menor que o de homes. Creo que nese sentido a dedicatoria das Letras Galegas a Xela Arias é unha boa nova, e considero que tamén responde a unha realidade referida á importancia que, desde a xeración de Xela en diante, tiveron as mulleres, a presenza feminina, na poesía galega e, dalgunha maneira, tamén na súa transformación.

Influíu Xela Arias nas poetas galegas de hoxe en día?

Creo que hai influencia de Xela nas poetas de hoxe, por suposto. Coido, de feito, que influíu moito, e tamén o fixo a dous niveis, por unha banda coa súa actitude como escritora, como voz visíbel. Pero tamén contribuíu, ou influíu na poesía de hoxe, non só a través da súa actitude como poeta e autora senón tamén a través da súa propia obra. E considero que esta contribución empezou a notarse xa nas outras voces poéticas dos anos 90 e, por suposto, tamén nas escritoras e nos escritores máis novos, que son precisamente e en boa medida, estas escritoras e escritores quen reivindicaron a voz de Xela como fronte.

Vense trazos da editora e da tradutora na súa voz poética?

Foi tradutora e editora e habería que engadir tamén profesora, porque nos últimos anos da súa vida dedicouse á docencia. Creo que Xela Arias foi unha das primeiras tradutoras profesionais ao galego e, tanto unha persoa que fai tradución como unha persoa dedicada á edición son individuos que traballan coa lingua, que traballan co discurso e, nese sentido, forman parte dunha actividade semellante a creación, a tradución... Estamos a traballar sempre coa linguaxe e, sen dúbida, tivo que influír tamén ese labor que supón unha lectura doutra literatura nos seus referentes literarios.

Xela Arias, poeta, editora e tradutora

Xela Arias Castaño (Sarria, 1962-Vigo, 2003) publicou o seu primeiro libro de poemas, Denuncia do equilibro, en 1986, e a el seguírono o celebrado Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Mais a súa escrita non queda aí, pois mantéñense inéditos Lili sen pistolas e Maldito lindo; e a filóloga Chus Nogueira xuntou a súa obra no volume Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), en Xerais.

Alén de poeta, Xela Arias foi tradutora e verteu para o galego autores como Castelo Branco, Gianni Rodari, Roald Dahl e James Joyce, entre moitos outros. No eido da edición, a poeta formou parte de Edicións Xerais de Galicia, desde 1979 até 1996, e nos últimos anos da súa vida tamén exerceu a docencia en Lingua galega.

Agora chégalle a honra do Día das Letras, logo de ser xa proposta en 2014 e en 2015 e de ser homenaxeada en 2019 pola plataforma da crítica literaria A Sega. 

comentarios