Inauguradas as xornadas de tradición oral da AELG, que reúnen Sés, Nuno Pico ou O Leo de Matamá

O evento aborda a pegada das regueifas nas músicas actuais e a súa evolución no tempo.
A xornada decorreu este sábado en Lugo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A xornada decorreu este sábado en Lugo. (Foto: Nós Diario)

A responsábel de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, inaugurou esta mañá as XVI Xornadas de Literatura de Tradición Oral 'Das regueifas ás musicas actuais: unha travesía polos mares da canción', organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación. O encontro reuniu no Pazo de San Marcos artistas como Sés, Nuno Pico —de Grande Amore—, O Leo de Matamá,  a regueifeira Alba María e a xornalista Marta Veiga Izaguirre, para falaren do papel da música como vehículo de expresión e preservación do patrimonio inmaterial.

Na intervención inaugural, Iria Castro parabenizou a AELG pola organización "dunhas xornadas que son en si mesmas unha tradición, e que con dezaseis edicións, teñen situado Lugo como un lugar de referencia á hora de falar de tradición oral", e por incorporar ao debate sobre a conservación do patrimonio inmaterial "artistas que conectan co público a través das letras das súas cancións".

Da regueifa á música actual

A regueifa é, segundo explican desde a Asociación ORAL da Galiza, un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao seu carácter basicamente oral, se perde na noite dos tempos. A súa referencia máis próxima a nós di que durante o banquete das vodas labregas era tradición que a parella ou a madriña da parella puxera a disposición das persoas que non foran convidadas á celebración un bolo de pan chamado "regueifa".

Co paso do tempo, esta tradición de carácter eminentemente rural e cultivada por xente das clases populares, na súa maioría labrega ou gandeira, chegou a ser un elemento máis de diversión e de entretemento nas tabernas, nos bares, en certames e xuntanzas, ou mesmo como maneira de espectáculo nas festas patronais e incluso no Luar, até que, coa chegada dos modernos medios de comunicación e as modas musicais, a regueifa entrou en decadencia.

E se en algo destaca hoxe en día a música galega é, fundamentalmente, pola mestura dos ritmos e das letras tradicionais con compoñentes da música electrónica, unha mestura que resultou ser de éxito en non poucos casos. Baiuca, Tanxugueiras, Mondra, Mercedes Peón ou Fillas de Cassandra, uns novos e outros cunha traxectoria musical máis que consolidada, son algúns dos exemplos que utilizaron a receita de xuntar música de raíz cos beats da electrónica para conseguir proxectos de éxito.

Nesta cuestión afonda este sábado Elvira Branco nas páxinas do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana ao prezo habitual canda o xornal Nós Diario, na reportaxe que leva por título O Pobo que canta nunca morre: das regueifas ás músicas actuais.

Comentarios