CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O erro de xulgar un filme polas aparencias

sociedade1
photo_camera Un fotograma do filme

A SOCIEDADE LITERARIA E O PASTEL DE PEL DE PATACA

The Guernsey Literary and Potato Peel Pie Society

(EUA 2018, 124 min.)

Dirección: Mike Newell

Guión: Thomas Bezucha, Kevin Hood e Don Roos

Fotografía: Zac Nicholson

Música: Alexandra Harwood

Elenco: Lily James, Michiel Huisman, Glen Powell, Matthew Goode, Jessica Brown Findlay, Tom Courtenay, Katherine Parkinson, Penelope Wilton, Nicolo Pasetti, Florence Keen

 

SINOPSE

Juliet Ashton, escritora de éxito, está de xira por todas a librerías do país. Un día recibe unha carta dun habitante da illa de Guernsey que lle fala dunha particular sociedade literaria creada durante a II Guerra Mundial. Intrigada por unha historia tan curiosa decide viaxar a illa para coñecer os integrantes de tan particular clube de lectura.

Para A sociedade literaria e o pastel de pel de pataca cabe perfectamente o adaxio “non xulgues un libro pola súa portada”. Cun trabalinguas tan rimbombante por título e un cartaz que semella sacado dunha novela romántica de saldo é doado caer no prexuízo de prexulgala antes de vela, e se facemos iso estaríamos perdendo a oportunidade de asistir a unha historia romántica moi, pero que moi, ben contada que ademais enxalza a paixón pola lectura.

Dirixe con flegma británica Mike Newell que recupera niveles de Catro vodas e un funeral tras unha traxectoria irregular na que tocou teito con Donnie Brasco, para logo probar sorte coa saga Harry Potter (e o Cáliz de Lume), perderse no blockbuster de videoxogo adaptado con Prince of Persia ou adaptar obras literarias de Gabriel García Márquez (Amor en tempos de cólera) e Charles Dickens (Grandes esperanzas). En certa forma segue homenaxeando a grandes figuras da literatura con esta última achega: Virginia Woolf, William Shakesperare, Robert Louis Stevenson ou Charlotte Brontë, Oscar Wilde... E faino a través desta particular sociedade literaria sita nunha illa británica: a illa de Guernsey.

A sociedade nace de forma casual en plena Segunda Guerra Mundial e durante a ocupación alemá da illa. Ao remate da guerra, a famosa escritora Juliet Ashton comeza manter correspondencia, tamén casual, cun dos integrantes da sociedade literaria. A correspondencia vai espertando un crecente interese en Juliet que se ve a si mesma agardando outra carta máis que desvele un pedaciño máis da abraiante historia dese grupiño de lectura tan peculiar. Un día decide viaxar ata a illa para coñecer quen se agocha tras esas cartas tan inspiradoras e tamén saber un pouco máis desa sociedade literaria de pel de pataca...

Filme de corte romántico na liña de Tiñas que ser ti pero, en troques de ser en Irlanda, a trama desenrólase entre campiñas inglesas. A gran baza está nunha trama sólida, ben narrada e cunha personaxe feminina carismática interpretada por unha Lily James (Cincenta, Baby Driver) á que lle acae coma unha luva o papel de escritora aventureira, fráxil, curiosa e soñadora. Tamén se agradece o coidado desenrolo dunhas personaxes secundarias ben perfiladas e con profundidade: Michiel Huisman (Xogo de Tronos), Matthew Goode (The Imitation Game), Katherine Parkinson (Radio encuberta), Tom Courtenay (45 anos), Penelope Wilton (Orgullo e prexuízo), ou Glenn Powell (Todos queremos algo).

Tamén aporta moito a coidada ambientación de época, o deseño de vestiario, as paisaxes bucólicas e o ton entre desenfadado e sobrio. Pero... que carallo é iso do “pastel de pataca”? Pois, se non o intuíron xa, basicamente é un mcguffin para falar de libros a través dunha historia romántica —de manual— ambientada na Segunda Guerra Mundial, aderezada con detalles históricos verídicos, que gustará, sobre todo, a amantes do xénero e a calquera que non adoite xulgar os libros só pola súa portada.

 

Comentarios