CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Happy End", Michael Haneke a xogar co público

happyend1
photo_camera Un fotograma do filme


HAPPY END
(Austria-Francia-Alemaña 2017, 107 min.) 
Dirección e guión: Michael Haneke
Fotografía: Christian Berger
Elenco: Isabelle Huppert, Jean-Louis Trintignant, Mathieu Kassovitz, Fantine Harduin, Toby Jones, Franz Rogowski, Laura Verlinden, Hassam Ghancy, Nabiha Akkari

SINOPSE

Após a hospitalización da nai por intoxicación de barbitúricos, Eve vai vivir coa familia de seu pai, unha familia burguesa que posúe unha empresa ao carón dos campamentos de refuxiados de Calais. 

CRÍTICA

Cinco anos levaba Michael Haneke sen dirixir desde a durísima, e multipremiada, Amour. Curiosamente volve á palestra cunha sorte de continuación oficiosa desta. Mantén Jean-Louis Trintignant e Isabelle Huppert nos roles de pai e filla, respectivamente, aínda que a historia é moito menos tráxica e bastante máis cínica que aquela. Se en Amour centraba a trama no deterioro dunha parella de anciáns, na enfermidade terminal da muller, a vellez en xeral e a dependencia, agora toca colocar o foco sobre unha familia aburguesada propietaria dunha gran empresa sita no Paso de Calais.

Os pais de Eve (Fantine Arduin) levan tempo divorciados. Após a repentina hospitalización da nai, Eve muda á casa de seu pai (Mathieu Kassovitz) pero tamén con máis membros da familia. Xunto as tres estrelas francesas (Huppert, Trintignant e Kassovitz), atopamos tamén no reparto o británico Toby Jones (Os xogos da fame) que, para variar (e non vai con segundas), non fai de tipo raro senón dun avogado do máis normaliño... de feito resulta ser a personaxe máis normal de todas as que van aparecendo.

Porque a medida que avanza o conto, imos descubrindo os lazos familiares dos demais integrantes do clan así como as motivacións reais e demais trapos sucios desta “familia ben”. Ninguén semella ser o que aparenta e tampouco Haneke pon a cousa doada pois, fiel ao seu estilo, vai xogando co público espectador: primeiro faille crer que o ten todo controlado para, de súpeto, dar unha reviravolta á trama e poñer de novo todo patas arriba. Até a derradeira secuencia (si, a derradeira) non saberemos realmente que é o que nos quere contar Haneke nin o porqué dese “Final Feliz” do título. Pero chegado o momento saberémolo... vaia se o saberemos. De feito a un servidor escapóuselle un exabrupto en voz alta.

Haneke, tamén guionista, propón unha sátira arredor dunha familia de farsantes extensíbel ao que está acontecer nunha Europa en plena decadencia. A nivel puramente cinematográfico anda a medio camiño entre a caricatura de clases que facía Paolo Virzi en O capital humano e o dogma de Lars von Trier (Melancolía). Tamén acada tocar temas como a inmigración, a adolescencia, as novas tecnoloxías, o desexo carnal, o matrimonio, as condicións laborais, a senilidade, a eutanasia ou a morte... Todo de esguello. Sen afondar. Deixando que sexa o respectábel quen vaia captando estes escintileos argumentais sen dar demasiadas explicacións, é dicir, tratándoo coma se merece. 

Malia que Happy End non é a mellor achega de Haneke, resulta un verdadeiro pracer poder seguir gozando de historias dunha lenda viva do cinema mundial. Un mestre da dirección de actores e actrices, así coma do uso do tempo narrativo, que segue a desafiar o persoal con historias de orixinalidade incuestionábel aderezadas con momentos de absoluto realismo que proporcionan experiencias cinéfilas inesquecíbeis e perdurábeis na memoria durante moito tempo. E si, con Happy End tamén o logra...

Ah, e o exabrupto que se me escapou foi: “que cabrón”... iso si, cun sorriso de absoluta admiración nos beizos.

Comentarios